Bruxelas, 17 Abril de 2015.- O 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega, foi elixido este ano como data para visibilizar a oposición do pequeno e mediano campesiñado aos Tratados de Libre Comercio (TLC’s) -nomeadamente, contra o Transatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP)- e a loita na defensa da Soberanía Alimentaria dos Pobos.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, subliñou a importancia de dar a coñecer a loita contra o TTIP, xa que “aos labregos e labregas vainos a vida neste tratado”, posto que “na medida en que estes tratados van adiante, os prezos dos nosos produtos caen”, acelerando a destrución do pequeno e mediano campesiñado.
Baixo o ditado destes acordos de liberalización comercial feitos á medida das grandes transnacionais, as labregas e labregos vense obrigados a vender os seus produtos a prezos cada vez máis baixos debido a que as grandes corporacións precisan materia prima barata para rendabilizar a súa estratexia de comercialización globalizada, “por iso queren eliminar non só as barreiras arancelarias, senón tamén aquelas medidas de tipo sanitario ou de seguranza alimentaria, eles considéranas un estorbo para poder negociar en todo o mundo cos produtos agrícolas”.
A eurodeputada galega lembrou tamén que o TTIP tería graves consecuencias para o campesiñado nunha cuestión tan básica na produción de alimentos como é o acceso á terra, dado que os acordos de libre comercio ou partenariado que a Unión Europea (UE) está a negociar nestes momentos “van dificultar moitísimo máis o acceso das labregas e os labregos á terra”, sendo o acaparamento de terras un problema que xa se está a percibir tamén nos Estados membros da UE , e que AGEe trouxo ao Parlamento Europeo a finais do pasado ano dando a coñecer a situación concreta da Galiza.
Asemade, abondou, non debemos esquecer o efecto “nocivo” que os tratados de libre comercio teñen sobre o quecemento global, xa que “favorecen o transporte intercontinental dos alimentos” -unha das fundamentais causas do cambio climático- e promoven unha “produción intensiva de alimentos realizada en base aos monocultivos, á destrución de terras e bosques e ao emprego dunha altísima cantidade de produtos químicos”.
Por outra banda, no que respecta á multitude de eidos da nosa vida diaria que se verían degradados no caso de aprobarse o TTI, Senra quixo chamar a atención sobre a privatización de servizos públicos que pretende instigar este acordo de liberalización, apuntando que, “a destrución de servizos públicos será primeiro no medio rural”.
Actos e mobilizacións do 17 e 18 de abril
Lídia Senra está a participar durante este venres nas xornadas Soberanía Alimentaria e Universidade, organizadas pola Universitat de Barcelona, onde desenvolveu a palestra “A Soberanía Alimentaria, unha mirada global”.
Este sábado 18, xornada internacional de mobilizacións contra o TTIP, participará na manifestación convocada polo colectivo ECOAR en Vigo ás 20.00hrs. baixo o lema “As persoas e o Planeta antes que o Capital”.


















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



