Estrasburgo, 28 de abril de 2015.- Na mañá deste martes o Parlamento Europeo aprobou en sesión plenaria en Estrasburgo unha proposta de resolución presentada dende a Comisión de Cultura e Educación a modo de ferramenta de seguimento e impulso da aplicación do Plan de Boloña.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, votou este martes en contra deste informe e lembrou que a posta en marcha dos acordos de Boloña “basicamente traduciuse nunha liberalización do ensino superior, o aumento do custo dos estudos, a imposición de valores como o da competitividade e unha influencia cada vez maior da empresa privada, dando lugar ao establecemento dunha educación multi-velocidade e á exclusión dos estudantes con menos recursos”.
Este contexto, ligado á redución dos orzamentos e tendencia á privatización dos servizos públicos nos Estados europeos agora endebedados pola estafa político-financieira desatada no ano 2008, está a provocar que o acceso á Universidade estea cada vez máis restrinxido unicamente a unha elite que poda permitirse pagala.
Para Senra, ao igual que para a práctica totalidade do estudantado e a meirande parte do profesorado, “o Plan Bolonia non é máis que o marco a través do cal determinadas forzas políticas vinculadas aos intereses das clases sociais más altas pretenden impor un proceso de elitización do sistema educativo co obxectivo de impedir que as clases populares podan acceder ao ensino”, un proceso no que “obviamente a recente Lei Wert 3+2 é un chanzo máis”.
Por outra banda, ademais da confrontación total ca comunidade educativa, non podemos deixar de sinalar que supostamente unha das prioridades do proceso de Boloña é asegurar que o estudantado matriculado nunha universidade europea poda obter un título recoñecido en calquera Estado que participe no proceso, obxectivo que a día de hoxe non se cumpre.
“O ensino debe de ser público, gratuíto, laico, favorecer a cultura, a diversidade, a igualdade e os valores democráticos”, reiterou dende Estrasburgo a eurodeputada galega. Aliás, “o sistema educativo debe garantir o ensino na nosa lingua”, enfatizou Senra.
A eurodeputada de AGEe alertou tamén da vinculación entre o Plan Juncker , “que é nin máis nin menos que o traspaso dos recursos públicos ás multinacionais”, e o Plan Bolonia, “que pon a Universidade ao servizo do Capital”, unha alianza especialmente perigosa no contexto socioeconómico actual, “tan distorsionado que a esfera privada, lonxe de aportar ao conxunto da sociedade, está a apropiarse dos fondos públicos e bens comúns e pretende instrumentalizar sistemas sociais básicos, como é o da ensino, redeseñándoa á medida dos seus intereses”.