Lourenzá, 22 de abril de 2015. A Mesa Local do Comercio do Concello de Lourenzá aprobou esta semana a recuperación do denominado Mercado das Prazas, que se celebrou en Vilanova dende 1774 ata a década dos anos 70 do século pasado.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “tivemos reunión da Mesa do Comercio, onde están representados os comerciantes e os consumidores e tamén forma parte dela o concelleiro de Comercio, eu mesma, que a presido, e un funcionario da administración autonómica. Xuntouse a Mesa do Comercio para tratar un tema que cremos que é importante e de interese para todos os veciños de Lourenzá. Trátase de poñer outra vez en marcha o Mercado das Prazas, que ten a orixe escrita no noso concello do ano 1774 e que se fixo os domingos ininterrompidamente ata ben avanzada a década dos 70. Era uns mercados onde se vendían os excedentes de produción agrícola, como trigo, centeo, millo, cebada, fabas, patacas, manteiga, aceite, touciño, xamón,… E viñan a mercar xentes do noso concello e tamén dos limítrofes”.
A rexedora municipal engadiu que “tratamos pois de recuperar unha práctica moi antiga que se celebraba neste concello, o Mercado das Prazas, co obxecto de mellorar a promoción e a comercialización dos produtos hortofrutícolas da zona, perseguindo como fin último o desenvolvemento socioeconómico do territorio. Queremos recuperar esta tradición e consolidar un mercado que cumpra unhas funcións esenciais neste tempo de crise e que permita aos agricultores da zona e tamén aos produtores artesanais poder dar a coñecer os seus produtos de forma diferenciada. Así a poboación local e tamén os visitantes poden vir aquí a mercar e gozar de produtos dunha gran calidade. Este Mercado das Prazas non o celebraríamos onde se facía antigamente, posto que agora hai máis tráfico e teríamos que cortar rúas. Polo tanto fariámolo na praza do Conde Santo”.
Emma Álvarez tamén comentou que este mercado “tería por obxecto fomentar a economía de proximidade, outorgando unha importancia especial aos produtos hortofrutícolas colleitados na comarca onde se integra Lourenzá e na súa zona limítrofe, non sendo admisible a venta de produtos alleos a esta zona. Tamén terán cabida no Mercado das Prazas os produtos alimentarios de calidade resultantes dalgunha transformación artesanal, como poden ser as marmeladas ou os queixos, así como aqueles outros produtos que non estando destinados á alimentación sexan tamén o resultado dun traballo artesanal feito en Lourenzá ou nas zonas limítrofes. Tamén poderán estar presentes no Mercado das Prazas pequenos animais domésticos, como aves ou coellos. E celebraríase o primeiro e o terceiro domingo de cada mes durante todo o ano”.
A alcaldesa rematou explicando que “unha vez que este trámite de aprobar esta proposta na Mesa do Comercio saíu adiante teremos que levar ao vindeiro pleno da corporación municipal, que se celebrará previsiblemente na primeira semana de maio, un regulamento para rexer o Mercado das Prazas e posteriormente sacaremos a concurso os stands, para que os produtores da zona opten a eles dunha maneira periódica e deste xeito aquelas persoas que veñan ao mercado saiban sempre que produtos pode haber e tomalo como unha rutina, como había antano, cando eran moitos os produtos que se vendían e eran moitas as persoas de fóra que viñan aquí a mercar as súas provisións para toda a semana”.



















Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



