Montse Rivera achegará á Biblioteca Municipal Juana de Ibarbourou o vindeiro venres 15 de maio a partir das 18.30 horas o seu espectáculo para nenos e nenas maiores de 6 anos “Cóntoche un traxe” dentro do programa “Ler Conta Moito 2015” co que colabora a Secretaría Xeral de Cultura.
A entrada é de balde ata completar aforo.
“Hai case 30 anos que comecei a interesarme polo mundo da tradición.
Foron moitos os pobos de Galicia que visitei, moitas as persoas coas que falei e ás que lles preguntei por como se divertían cando eran mozos, que cantaban, que bailaban, a que xogaban e como era a roupa que levaban.
Dunha maneira dinámica e amena faremos unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos tatara-tatara-avós. A nosa narración irá compañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e de proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materias cos que se fabricaban as teas; e tamén, o máis importante, manipularemos estas pezas de roupa, e catro asistentes, dous voluntarios e dúas voluntarias, acabarán a charla vestidos como os seus tatara-tatara-avós.
O resto dos asistentes a esta charla, para que poidan levar un recordo da mesma promovendo a solidariedad e a igualdade, xa que non todos se van poder vestir, poderanse sacar unha foto colocados tras un panel cun debuxo dunha imaxe masculina e unha feminina vestidas ó xeito tradicional.