A Mariña, 8 de maio de 2015.- BNG suspende todos os actos de campaña electoral previstos para este venres tras o asasinato machista dunha muller en Ourense e convoca unha concentración para as 20:00 horas diante da Casa da Cultura de Foz ao que convidan a participar a toda a cidadanía en repulsa pola violencia machista.
Os nacionalistas suspenden logo deste “terrible acontecemento” os actos electorais previstos para hoxe na comarca e só participarán naqueles actos, como debates, nos que o BNG estaba convidado e confirmara a súa presenza.
A responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, considera “moi grave” que unha muller maltratada sexa asasinada nun hospital público e chama á mobilización social en toda a comarca en protesta por este último crime machista e en solidariedade cos familiares e amigos da asasinada e de todas as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ermida afirma que “a violencia contra as mulleres é unha lacra que hai que combater desde toda a sociedade e as institucións” e lembra que “desgraciadamente tamén afectou nos últimos tempos de xeito tráxico á comarca da Mariña”.
O BNG pide a comparecencia de Feijóo no Parlamento Galego
Máis aló das condenas sen paliativos deste execrable crime machista, o BNG demanda do Goberno galego unha explicación urxente ante o “estrepitoso” fracaso dos protocolos de protección das mulleres que sofren violencia de xénero, ata o punto de que Isabel fose asasinada dentro do propio hospital de Ourense.
“Interpelamos directamente ao señor Feijóo porque non valen condenas rituais, ten que explicar como é posible que unha muller que xa fora vítima de violencia machista, que levaba un mes no hospital sexa asasinada polo seu maltratador dentro do propio hospital. Iso quere dicir que están fallando os protocolos de protección da mulleres que son vítimas do terrorismo de xénero, mesmo dentro dun hospital”, afirma Ana Ermida.