Lugo, 2 de maio de 2015.- Os alcaldes de Becerreá, A Fonsagrada, A Pontenova e Monterroso –Manuel Martínez, Argelio Fernández, Darío Campos e Antonio Gato- piden á Xunta de Galicia que tome como referencia a xestión da Deputación de Lugo e salde de inmediato a débeda contraída con eles pola liquidación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e que ascende a 80.000 euros en cada caso.
E é que a institución que preside o líder do PSdeG –José Ramón Gómez Besteiro- mantén ao día as súas obrigas, tal e como establece o convenio que rexe o funcionamento de servizo. Concretamente, pagou ou está a ingresar máis de 340.000 euros aos concellos cumpridores, é dicir, aos que entregaron a documentación necesaria para acreditar o cumprimento do convenio, e que son os indicados, máis o de Cervo. Deste xeito, os fondos que aporta o Goberno galego son os máis elevados. Representan o 60% e, o 40% restante, correspóndelle á Deputación e ás entidades locais.
Os rexedores subliñan que “o que demandamos é que a Xunta cumpra os seus compromisos. É dicir, que nos pague o de 2014, máis o que vai de 2015. En xullo recibimos unha carta que nos ían adiantar 10.000 euros e que, proximamente, nos abonarían as cantidades pendentes. Pero, a data de hoxe, seguimos sen recibir un só euro”. Neste senso, e tendo en conta que este servizo se mantén exclusivamente grazas aos fondos propios que aportan o organismo provincial e as entidades locais, solicitan ao presidente galego “que deixe de parasitarnos, xa que, do contrario, nestes momentos, teriamos que pechalos e mandar ao persoal á súa casa”, afirman.
O cumprimento da Deputación en cifras
Por este motivo, os socialistas agradecen o proceder do organismo provincial. E é que esta institución, ademais de cumprir escrupulosamente con eles, tamén forzou unha reunión coa Xunta e Folgoso do Courel, Quiroga e Guitiriz para desbloquear o pagamento logo de que se incumpriran as condicións establecidas no convenio. Neste encontro, estes tres municipios acordaron entregar a documentación que acredita o cumprimento do convenio, ao igual que fixeron os restantes concellos. En canto aos fondos aportados pola Deputación, estes distribúense do seguinte xeito:
– 110.000 euros corresponden ao anticipo do 75% de 2013. O organismo provincial ingresou a cada concello un total de 21.875. No caso de Cervo, esta cantidade foille compensada, xa que mantén unha débeda coa institución luguesa de 100.000 euros polo recargo do IAE entre 2009 e 2012.
– Outros 36.500 euros pola xustificación do 25% do pasado exercicio. Neste caso, cada entidade local percibiu 7.300 euros.
– E, os 150.000 euros restantes, corresponden ao anticipo do 75% de 2014 que a institución de Gómez Besteiro tamén está a aboar a ditas entidades locais, agás a de Cervo. Isto débese, a que o municipio mariñano aínda non entregou a documentación necesaria para poder cobrar este anticipo que acende a 37.500 euros.
A Xunta bloqueou as transferencias
Segundo destacan os rexedores, a administración autonómica é a única responsable do retraso no pagamento que deben facer todas as administracións para o mantemento deste servizo. Boa proba delo, aseguran, é que bloqueou as transferencias dende o comezo e de xeito reiterado.
PRIMEIRO: na redacción do convenio, a Xunta non determinou como as administracións tiñan que facer os pagos aos municipios para axustarse á legalidade. A Deputación de Lugo tivo que alertar desta situación ao Goberno galego quen, a pesares de recoñecer “este erro”, tardou máis de 6 meses en darlle solución. Esta desidia supuxo que os concellos non recibisen nin un só euros polos GES durante máis de medio ano, e que a ata comezos do actual, as administracións non puidesen realizar o anticipo do 75% de 2013. Foi entón cando o organismo provincial ingresou os 110.000 euros ás entidades cumpridoras: Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso e A Pontenova.
SEGUNDO: non fixou que gastos tiña que financiar cada administración, nin tampouco especificou que documentación tiñan que presentar as entidades locais para poder recibir o 25% restante de 2013 e cumprir así coa Lei de Subvencións. Isto provocou que a institución de Gómez Besteiro tivese que esixir ao Goberno galego que solventase este segundo bloqueo nos pagos aos municipios. A administración autonómica non o fixo ata mediados do pasado ano, polo que os concellos aínda recibiron a finais de 2014 os últimos pagos de 2013. Asemade, e para tentar compensar os impagos da Xunta, a Deputación tamén se fixo cargo do anticipo do 75% do pasado exercicio.
E tampouco contesta aos alcaldes
A este incumprimento, hai que engadir que o Executivo de Feijóo segue sen contestar á carta remitida polos alcaldes no mes de xuño, e a través da que lle solicitaban unha entrevista ao presidente autonómico, co fin de aclarar os motivos polos que esta administración aínda non cumprira coa súa obriga. A intención era, tal e como subraian os socialistas, que se lles concedese o mesmo trato que ao resto de concellos galegos.
“A Xunta non só non colabora connosco, senón que aguanta os cartos que tiñamos que ter ingresados. Para nós isto é moi grave, xa que nos desequilibra o presuposto, pois temos que facer fronte a gastos como o de gasoil, que se nos disparan. Son grupos imprescindibles de atención aos cidadáns. Pero Feijóo non se dignou nin a contestarnos. É dicir, que se subsisten é grazas aos fondos propios da Deputación e dos concello, non á ao apoio do Goberno galego”, conclúen.




















O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O encontro, aberto ao público, terá lugar na Casa Museo Álvaro Cunqueiro e será moderado por membros da propia asociación. A sesión busca reflexionar colectivamente sobre a posibilidade de que Mondoñedo aspire a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, abordando a cuestión desde perspectivas históricas, patrimoniais, artísticas, naturais e humanísticas. A actividade comezará ás 11:00 h e a organización anima a toda a veciñanza a participar e compartir opinións.
O Comité de Empresa de Alúmina‑Aluminio San Cibrao informa de que a Secretaría de Industria convocou ao comité á 19ª reunión de seguimento do acordo de viabilidade, que se celebrará o venres 15 de maio ás 12:30 horas na Delegación do Goberno en A Coruña. Unha vez rematada a reunión, o comité procederá a informar aos traballadores sobre os resultados e avances do encontro.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
Será este xoves, día 14 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O mago Pedro Bugarín presentará o seu espectáculo titulado Galicia con maxia. Para esta actividade o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.



