Ribadeo, 12 de maio de 2015. O Peprich e a liquidación do exercicio de 2014 centraron o último pleno do mandato, que este luns se celebrou no Concello de Ribadeo. Esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, fixo balance dos últimos catro anos, dixo que foi un mandato moi frutífero no que conseguiron sacar para adiante asuntos coma o PXOM ou a construción da residencia de maiores.
O rexedor contou que “no día de onte celebramos o derradeiro dos plenos ordinarios deste mandato 2011/2015, tamén rematando como empezamos con diálogo, con debate e sendo diferentes todos o grupos como somos entre nós, pero tamén no interesante para Ribadeo buscando consensos e buscando acordos como foi o caso. En primeiro lugar nesta declaración unánime que todos votamos contra un informe de Patrimonio, da Xunta, no que ten que ver co Peprich, onde lle pedimos que rectifique unha orde que nos da por non ser axustada a dereito concretamente cun empecinamento que ten Patrimonio, que favoreza o estreitamento da rúa Ibáñez. É algo que todos os compañeiros e compañeiras dos grupos da Corporación, xunto co alcalde, nos quixemos manifestar dunha maneira política para dicirlle a Patrimonio que non todo vale”.
Suárez Barcia dixo que “outro dos asuntos moi importantes que se abordaron no pleno de onte foi a presentación da liquidación do exercicio de 2014, onde seguimos na senda positiva destes últimos anos, é dicir que pechamos os exercicios con remanentes positivos de tesourería, neste caso con 900.000 euros de aforro neto positivo, onde o límite da débeda que temos con bancos está moi por debaixo do máximo legal permitido. Por exemplo no último trimestre de 2014 seguimos cumprindo co período medio de pagamento a provedores, dentro de todos os parámetros esixibles e ao mesmo tempo reducindo o endebedamento bancario. Todo isto danos un marxe de liquidez para poder pagar aos provedores en tempo, algo que era impensable moitos anos atrás”.
O alcalde de Ribadeo aproveitou para facer balance do mandato que remata: “creo que foi un mandato moi fecundo, moi frutífero, en cuestión de cousas importantes para Ribadeo. Aí está a práctica unanimidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o compromiso da Corporación por apoiar as demandas dos veciños para construír unha residencia de maiores en Ribadeo, a pesares dos paus nas rodas que outras institucións, nomeadamente a Xunta de Galicia, se empeñaron en poñernos. A parte de que na Biblia David lle gañou a Goliat tamén aquí en Ribadeo un concello pequeniño lle gañou á Xunta nesa batalla por defender os intereses das nosas veciñas e dos nosos veciños”.
E engadiu: “quero darlles os meus parabéns, non só aos compañeiros do equipo de goberno, senón ao resto dos grupos da Corporación que nese sentido estiveron firmemente con nós, e moitas veces opoñéndose aos seus partidos noutras institucións. Quero valorarlles a todos e a todas que sempre miramos polo interese de Ribadeo, sempre nos asuntos importantes tivemos a Ribadeo por diante, sen perxuizo de que en moitas outras cousas discreparamos, tiveramos desencontros… esa é a política, esa é a democracia, pero tamén é de valorar que nos asuntos importantes estivemos unidos. Quero darlles ás grazas a todos os que dunha maneira activa xa non van volver presentarse en listas e aos que nos volvamos presentar o pobo decidirá, dentro dun tempo, o sitio no que nos pon a cada un de nós”.