A tempada de fútbol sala da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental ‘A Mariña’ remata este martes 23 de xuño no pavillón Vistalegre cun partido amigable entre os usuarios dos dispositivos da asociación -todos diagnosticados de enfermidade mental crónica- e mozos da comarca que non sofren ningún tipo de enfermidade mental e que están sensibilizados con estas enfermidades. Despois disfrutarán todos xuntos dunha merendola, onde as risas e o bo humor están garantidos.
Con este proxecto que recibe o título de: “Facemos equipo pola saúde mental?” a asociación foi galardoada no I Premio Muruzábal que procura a integración das persoas con enfermidade mental a través do deporte.
San Xoán
E este mércores 24 de xuño a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental ‘A Mariña’ celebra o San Xoán na Unidade Residencial de Cervo para todos os usuarios cos que contan os centros da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña”, en Ribadeo e máis en Burela. En total, arredor de 55 persoas.
Tódolos participantes nesta festa poderán saltar a fogueira, e queimar os seus desexos no lume desta. Todo amenizado con música e degustación de pratos típicos desta festa.
Ademais, haberá unha gran sorpresa para todos os usuarios que participaron activamente nas actuacións das festas de Burela.
“Aproveitando a ocasión, e loitando contra o estigma social, gustaríame facer mención a que as persoas diagnosticadas de enfermidade mental, cun tratamento axeitado e cos apoios necesarios, ou sexa, un tratamento integral, poden recuperar as súas habilidades sociais e reintegrarse plenamente na sociedade. A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, loita polos dereitos das persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica, ademais de por mellorar a calidade de vida de todas elas e das súas familias”, recorda María José Nóvoa, directora técnica xeral da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A MARIÑA”.