Santiago de Compostela, 6 de Maio 2015. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, encetou este sábado e en Compostela a xornada “A auga: un dereito humano” -Salón de Actos da Facultade de Filosofía- alertando de que, na actualidade, “atopámonos nunha fase continua de privatización dos bens comúns”, un proceso claramente reflectido nos datos: “a nivel estatal, no ano 1996 o 60% da auga era pública, no 2005 o 52%, no 2010 o 47%, a día de hoxe pouco máis do 40%”.
Para a eurodeputada de AGEe, “temos un reto moi importante ao que facer fronte”, polo que chamou a tomar conciencia da gravidade da situación: “fai apenas uns meses soubemos do caso dunha persoa nos EEUU que foi condenada ao cárcere por recoller auga da choiva”. Como exemplo desta tendencia, proxectouse ao inicio da xornada un extracto do documental “Nós alimentamos o mundo” (2005), que recolle unhas polémicas declaracións nas que o Presidente da multinacional Nestlé aboga pola privatización da auga.
No primeiro dos bloques, “As loitas sociais en contra da privatización da auga”, o grego Georgios Archontopoulos, Presidente do Sindicato ΕΥΑΘ -da compañía de augas de Tesalónica- e membro do Secretariado de “SOSte to nero” -“Salvemos a auga”, deu conta da loita desenvolvida polo pobo grego diante das esixencias de privatización da auga incorporadas no plan de austeridade da Troika, “fixemos un referendum, que inda que non foi vinculante, demostrou que un 98% da poboación estaba en contra da privatización da auga”. Archongopoulos tamén chamou a atención sobre o feito de que “nos últimos anos 40 grandes cidades remunicipalizaron a auga, 237 concellos remunicipalizaron a auga, hai unha vaga en todo o mundo”.
Brendan Ogle, da Campaña polo Dereito á Auga en Irlanda, que non puido estar presente e participou achegando un vídeo ca súa intervención, resaltou o “movemento masivo” contra a privatización da auga no seu país, unha sinerxia social que dende a Campaña vinculan ao que denominan “un trauma colectivo nacional” derivado da toma de consciencia de que as institucións europeas “non estaban de parte do pobo”, e que levou a unha reacción da cidadanía visibilizada, entre outras cousas, na realización da maior manifestación que tivo lugar nunca en Irlanda, na que participaron unhas 200.000 persoas.
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, integrante da Plataforma Galega contra a Lei de Augas, aportou unha análise retrospectiva da loita contra a privatización da auga na Galiza, e alertou de que, a día de hoxe, existe “unha dinámica de privatización clara”, xa que “non se está a respostar a unha dinámica de aforro, o que existe é un afán recadatorio, non é para nada social”. “A función social da auga debe prevalecer por riba do valor mercantil”, sentenciou.
Alexandre Carrodeguas, da Iniciativa Cidadá pola Xestión Pública e Social do Ciclo da Auga e do Saneamento en Ferrol, destacou a organización progresiva da veciñanza de Ferrol en distintas plataformas, así como a articulación dunha campaña pola remunicipalización e pola convocatoria dun referendo. Carrodeguas destacou a importancia de acadar “unha xestión non mercantilizada da auga”.
A aportación dende Italia realizouse a través da lectura da intervención de Fiorenza Bettini, activista do Foro Italiano dos Movementos pola Auga e ATTAC Italia. Bettini sinalou a existencia dunha demanda “común e compartida”, a necesidade de “cambiar drasticamente as políticas que fixeron da auga unha mercadoría, e do mercado unha referencia da súa gobernanza, causando por todas partes destrozos e desperdicio de recursos, precariedade laboral, descenso da calidade do servizo, incremento das taxas, redución dos investimentos, das economías de xestión, expropiación dos saberes colectivos e falta de transparencia e democracia.”
No segundo eixo da mañá, desenvolvido baixo o epígrafe “A privatización do acceso á auga en países intervidos pola Troika”, a membra do Secretariado de Syriza en Tesalónica Alexandra Krasopoulou, integrante do Comité de Syriza contra a privatización da Compañía de Augas de Tesalónica, aportou tamén unha perspectiva laboral deste contexto, “é moi importante que as persoas que traballan para empresas que xestionan a auga teñan unhas boas condicións de traballo, porque a precariedade redunda na mala calidade do servizo, e precisamente o mal funcionamento é un dos argumentos que se adoita empregar para xustificar a privatización”.
Dende Irlanda, Daithí Doolan, concelleiro do Sinn Féin en Dublín, centrou a súa intervención na loita contra o canon da auga en Irlanda, subliñando que o Sinn Féinn “continua revelándose contra a imposición do canon en toda Irlanda”, un proceso no que “gañamos a batalla ideolóxica, máis de 100.000 persoas participaron na nosa campaña”. Doolan reiterou tamén unha das máximas máis repetidas ao longo da xornada: “hai alternativas á actual ineficiente xestión, promover un organismo público que coordine o servizo de auga”.
“O Capitalismo sempre tentou facer negocio das necesidades básicas, pasa ca sanidade, a educación pero tamén ca auga. Os instrumentos do capitalismo sempre están presionando neste sentido”, valorou Antón Sánchez, deputado da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Sánchez completou a análise da vinculación entre as medidas de austeridade e a privatización de servizos básicos a nivel galego abordando un dos aspectos máis polémicos á par de significativos, “existe unha corrupción xeneralizada na concesión municipal deste servizo”. Tirando de hemeroteca, o deputado de AGE lembrou que “Suez e FCC son os grupos que teñen a maioría das empresas que conseguen as concesión da xestión da auga, e sabemos que existe unha dinámica de soborno de certas empresas para conseguir estes contratos”.
A xornada pechará cun bloque temático especificamente galego, “A xestión da auga. O papel das empresas. O proceso de privatización nos concellos. Experiencias de re-municipalización”, a cargo de Rafael Sisto (Anova), que debullará as claves da recente remunicipalización da auga no Concello de Teo, e Rubén Pérez (Marea de Vigo) que exporá cal é actualmente a situación do subministro no Concello de Vigo.