Ribadeo, 13 de xullo de 2015.- Acisa califica de éxito rotundo a celebración da segunda edición do Ribadeo Indiano, que organizaron o Concello e a propia asociación. Segundo as primeiras estimacións máis de 25.000 persoas gozaron dos tres días de festa indiana onde a música, o teatro e as visitas guiadas foron protagonistas da homenaxe rendida a aqueles que un día abandonaron a súa terra en busca dun futuro mellor.
Dende a directiva de Acisa sinalan que “estamos moi satisfeitos do resultado económico que supuxo para o comercio e para a hostalaría de Ribadeo. Durante o fin de semana os restaurantes, bares e mesóns estiveron cheos. Era difícil poder comer ou cear sen facer reservas previas. Coméntannos algúns hostaleiros que fixeron as melloras caixas dende a súa apertura hai quince anos. As tendas rexistraron unhas vendas espectaculares de roupa, de sombreiros, de toucados, de complementos, de bastóns, etc. Os salóns de peiteado traballaron moi ben, de feito algunhas tiñan citas previas concertadas dende había semanas. Os hoteis tiveron unha ocupación alta, algúns chegaron ao 100% “. Acisa estima que o Ribadeo Indiano deixou na localidade ao redor de 3 millóns de euros.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos considera que “todo Ribadeo se envorcou con esta festa. Tendas, restaurantes, hoteis… caracterizáronse para revivir esa época, o que fai que o Ribadeo Indiano lucise en todo o seu esplendor. O bo tempo acompañounos dende o venres ata onte e iso tamén influíu de forma positiva no éxito rexistrado. Era unha delicia percorrer a rúa San Roque ata o parque de San Francisco e ver miles de persoas caracterizadas, dando unha cor e unha imaxe fantástica de Ribadeo, que se estendeu ao resto da localidade e a outros puntos como A Devesa ou Rinlo”.
En Acisa “estamos encantados co resultado. Levamos dous anos de Ribadeo Indiano e todo apunta a que irá a máis. Agora toca facer balances e en breve poñerse a traballar na próxima edición”. E engaden “aos turistas e visitantes que chegaron estes días á vila sorprendeulles e gustoulles moito a festa indiana”.
Campaña compras
As túas compras en Ribadeo Indiano, poden saírche gratis, foi o slogan da nova campaña que puxo en marcha Acisa con motivo da celebración da segunda festa indiana.
Todas aquelas persoas que realizaron as súas compras no comercio asociado do 1 ao 12 de xullo entrarán no sorteo de vales de compra. O 16 de xullo celebrarase un sorteo nas instalacións de Acisa de vales de compra polo importe do tícket premiado. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo destaca que “para poder levarse os premios que poñeremos en xogo con motivo da celebración do Ribadeo Indiano é necesario presentar o tícket de compra.