O voceiro provincial socialista, Darío Campos Conde, lamentou este venres que o Partido Popular converta á Deputación de Lugo nunha delegación máis da Xunta de Galicia. Fíxoo logo de que a Presidenta da institución luguesa, Elena Candia, anunciase que o organismo provincial suplirá á administración autonómica, financiando nun 70% as Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes.
Financiar os servizos sociais en Galicia é competencia da Xunta segundo establece a Reforma da Administración Local aprobada polo Goberno Central de Mariano Rajoy. Esta responsabilidade do Goberno de Feijóo foi reforzada recentemente pola TSXG, que nunha sentenza sobre o Decretazo de servizos sociais dictaminou que a Xunta ten a obriga de transferir financiamento ás entidades locais se lles pasa competencias co fin de poder asumilas.
“Novo capricho e discriminación”
Darío Campos subliñou que “a obriga do PP é esixir á Xunta a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo para cofinanciar os servizos sociais na provincia lucense”; un convenio que a administración autónomica si asinou coas restantes Deputación galegas en anualidades pasadas, agás coa de Lugo. “Todo isto a pesares das múltiples peticións do Goberno Provincial socialista. Besteiro enviou a Feijóo ata 10 cartas para facelo e nunca tivo resposta. Isto foi un novo capricho de Feijóo e do PP contra Besteiro, e un novo castigo e discriminación do Goberno galego cara os lucenses, ao igual que Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear”, subliñou o voceiro provincial socialista.
25 millóns para as restantes provincias
A Xunta de Feijóo e do PP non concedeu nin un só euro aos lucenses para servizos sociais nos últimos 4 anos. Sen embargo, achegou no 2012 e 2013 preto de 25 millóns de euros aos veciños de Pontevedra, A Coruña e Ourense a través dos convenios que asinou coas Deputacións destas provincias. Ante esta situación, o Goberno Provincial socialista incrementou nun 90% os fondos para servizos sociais na provincia.