Mondoñedo, 7 de xullo de 2015.- O Concello de Mondoñedo continúa cos traballos de limpeza do casco urbano consistentes na eliminación de vexetación, fungos, materia orgánica, lixo e outros restos que se presentan nas rúas e localizacións da cidade.
En concreto, este martes os operarios realizaron actuacións, mediante diferentes sistemas de limpeza, na zona da Praza da Catedral, unha das localizacións nas que están a actuar. O plan de limpeza posto en marcha polo goberno local inclúe traballos tanto en zonas do centro como periféricas, que presentan unha importante densidade de sucidade e vexetación media alta.
Dende o goberno local consideran “moi necesarios” estes acometidos, que permitirán restablecer a boa imaxe da localidade. Neste senso, explican que o plan de limpeza inclúe a aplicación dos produtos fitosanitarios necesarios, o corte e rasurado de toda a vexetación, o raspillado do lixo e da materia orgánica pegada, así como a recollida de toda a materia solta mediante barrido mecánico e manual e o baldeado con máquinas hidrolavadoras.
O Concello de Mondoñedo está a avanzar tamén nas labores de limpeza e desbroce nas parroquias, un dos compromisos asumido polos populares e ao que se lle está a dar resposta de maneira “inmediata” e “prioritaria”.