O Vicedo, 20 de agosto de 2015.- Para este venres a asociación Nordés, dentro do programa das V Xornadas “Memoria dun tempo” convoca a 3ª homenaxe a Republicanos e Libertarios que se desenvolverá en dous actos continuados.
O primeiro deles será unha ofrenda floral xunto coa lectura de textos e poemas, interpretacións de temas musicais e intervencións persoais dos asistentes. Terá lugar ás 20:00 horas na Ponte Vella de O Barqueiro, a carón do monolito en memoria dos represaliados no Concello de Mañón.
Este ano terase un especial recordo ós veciños da Mariña que foron fusilados nese mesmo lugar, para o cal se tén convidado como representantes simbólicos a membros da asociación Pensamento e Sementeira de Viveiro.
A música correrá da conta do dúo Mini e Mero, así coma do músico de O Carballiño e membro de Nordés, Andrés Rodríguez.
Todos eles serán os protagonistas da 2ª parte da homenaxe a partires das 21:15 horas, esta vez no salón de actos da Casa do Concello de Mañón, en O Barqueiro, e consistirá nun recital no que os poemas musicados dos grandes poetas galegos do século XX, moitos deles silenciados ou prohibidos polo franquismo.
Con este recital quere Nordés render tributo tanto á xente de a pé, homes e mulleres, que foron mortos, encarcelados e represaliados polo réxime de Franco, coma ós artistas que ademáis viron asoballada e perseguida a súa liberdade de expresión artística.
Adiantar que para o sábado pola mañá está previsto un roteiro didáctico no lugar de Ambosores, tendo como hora e punto de encontro o local da asociación Gran Sor de As Grañas ás 11 da mañá, e sendo o fío conductor da camiñata os feitos pasados no ano 1948 e que remataron coa morte de dous veciños dese casal. O título da actividade que mestura unha terribel historia coa fermosa natureza en estado case primixenio de Ambosores é “O crime de Ambosores”, e aseguramos o seu interese nun cento por cento.
Despois do paseo dirixido polo investigador dos feitos, Bernardo Penabade, haberá un xantar de amizade en Casa Urbano ó prezo de 15 € e para o cal é preciso reservar chamando ó teléfono: 653756454 (Ricardo). Número que tamén poden usar quenes queiran ir ó roteiro e non den ben co lugar de encontro.