Burela, 18 de agosto de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo unha xuntanza este martes coa xerente executiva do Hospital da Costa, Carmen Durán Parrondo, á que lle expuxo a súa preocupación polo peche de camas durante o verán, pola ampliación do centro e tamén a necesidade de recuperar a área sanitaria integrada da Mariña. Llano dixo que o encontro foi cordial e moi agradable.
O rexedor contou que na mañá deste martes “tiven unha entrevista coa directora do hospital, Carmen Durán. Xa levaba tempo querendo ter unha reunión con ela, máis que nada para darnos a coñecer, facer un contraste de pareceres e mirar aquilo que sexa mellor para o noso concello e para o conxunto da comarca da Mariña en cuestións sanitarias”.
Llano relatou que “estivemos preto de dúas horas falando de forma moi aberta e moi agradable, nunha conversa moi boa na que cada un expuxo o seu parecer sobre a sanidade. Pregunteille como vai o proceso do plan director e sobre todo da ampliación do hospital, porque unha petición que estou facendo constantemente e coa que seguirei ata que se logre é recuperar á area integral da Mariña. Así llo dixen a ela. E despois hai que favorecer a ampliación do hospital e a súa autonomía total tanto sanitaria como económica. Tamén hai que mirar que na atención primaria se repoñan os postos daquelas persoas que se van xubilando, como os médicos ou os ATS. Ademais hai que dotar de servizos á atención primaria de acordo cun plan que debería existir, pois é moi demandado”.
O alcalde de Burela tamén lle expuxo a Carmen Durán “a miña preocupación polo peche de 30 camas do hospital no verán. Eu argumento que loxicamente é unha poboación moi grande a que hai agora na Mariña e polo tanto demándase unha atención sanitaria adecuada á cantidade de xente que ven aquí nos meses de verán: hai nenos e maiores en moitas das familias que veñen veranear á comarca, polo tanto débese ter unha atención para ese tipo de xente”.
Carmen Durán e Alfredo Llano tamén falaron “de participar e colaborar as dúas institucións, a sanitaria e o Concello, en todo aquilo que poidamos. Vamos tratar de colaborar en programas sanitarios específicos nos que eles nos pidan. Desde logo vamos estar aí para aquilo que necesiten e penso que a intención por parte da responsable do hospital é a mesma”.
O alcalde engadiu: “chegamos á conclusión de que vamos loitar todos pola sanidade pública, que é un dereito que levou moito tempo acadar e hai que mantelo, mellorar e potenciar. É necesario que este hospital teña características de xeral máis que comarcal, debido á cantidade de servizos que ten e procurar que no sucesivo non se pechen tantas camas, que a atención sexa pensada na cantidade de xente que temos aquí”.
Alfredo Llano considera que “a miña exposición foi clara de preocupación polo plan director, pola ampliación do hospital, por recuperar a área integrada, sobre todo pensando na mellor atención, e que os servizos que hoxe se ofrecen no hospital se melloren. Nesa liña estamos todos, tamén eles loxicamente están pensando na mellora constante, como debe ser, do Hospital da Costa”.