Burela, 3 de agosto de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, anunciou este luns que o Concello incrementará o número de prazas de aparcamento e que abordará a mellora integral da antiga praza de abastos.
O rexedor dixo que “imos incrementar o número de prazas de aparcamento. Crearase un aparcadoiro bastante grande na zona dos institutos, en fronte do IES Perdouro vamos preparar aquel solar. E tamén en fronte de onte está o novo local da asociación Camiña vamos preparar tamén un aparcamento para favorecer tanto aos veciños daquela rúa como aos usuarios do centro de Camiña, que se está acabando de acondicionar. Tamén estamos facendo as xestións necesarias para máis cara abaixo poder adaptar algún solar máis coa intención de dedicalo a aparcadoiro”.
Alfredo Llano tamén se referiu á mellora integral da antiga praza de abastos: “que agora está sendo utilizado por diferentes asociacións, pero a nosa intención, como xa lles dixemos no seu día aos colectivos, é acometer unha mellora integral dese edificio para que conte con novas posibilidades de espazos. Pero iso loxicamente leva o seu tempo e hai que esperar aos orzamentos para saber de canto podemos dispoñer para facer esa obra. O que si podemos dicir xa é que agora mesmo vaise pintar a fachada principal, a que dá á praza da Mariña, vaise revisar a instalación eléctrica e tamén os servizos sanitarios. Tamén procuraremos poñer en funcionamento o ascensor que hai, para os usuarios que van á planta superior, concretamente ao xulgado de paz o fagan dun xeito máis cómodo. É algo demandando sobre todo para aquela xente que ten algún problema físico que lle impide subir polas escaleiras”.
Pago a provedores
O rexedor tamén se referiu ás acusacións realizadas polo Grupo Municipal do PP sobre o retraso no pago a provedores: “estamos pagando aqueles compromisos que nosoutros adquirimos de forma continua e dentro do prazo, pero hai facturas que veñen de moi atrás que están sen pagar e estamos mirando a ver por que razón se retrasaron tanto; hai facturas que son do ano pasado, do 2014”. E insistiu “se hai algún retraso desde logo non é por culpa deste equipo de goberno, será polo anterior, dado que non se fixeron as cousas cando había que facelas. Non sei a que estiveron esperando, porque ademais tiñan servizo de Intervención a tempo completo mentres que agora está a tempo parcial. Pero este mes vai vir xa unha nova persoa que se vai encargar de levar a Intervención”.
Llano engadiu que “vamos procurar levar xa ao próximo pleno ordinario da corporación municipal a retirada dunha placa co nome de Jaume Matas que está no paseo marítimo, que foi algo que nós xa solicitamos no seu día ao anterior equipo de goberno, do PP”.