O voceiro provincial socialista, Darío Campos Conde, desvelou este venres, con datos oficiais, o reparto “claramente partidista e discriminatorio”, que fai o Goberno Provincial de Candia entre os 66 Concellos da provincia, todos agás o de Lugo, que reciben fondos da Deputación para sufragar as Axudas ao Fogar. “Unha vez máis, desenmascaramos a política populista e as mentiras de Candia, que incrementou en 500.000 euros a partida orzamentaria para estas axudas, simplemente, por intereses partidistas, non en beneficio dos lucenses. Así xestiona os fondos provinciais esta Presidenta do Partido Popular que asegurou que non ía a facer distinción algunha entre Concellos pola súa cor política. Agora entendemos o oscurantismo e as présas do PP por aprobar estas subvencións”, salientou.
Campos Conde explicou que dos 1,2 millóns de euros para as Axudas ao Fogar, preto de 700.000 euros, é dicir, o 60% dos fondos, son para os 33 Concellos nos que goberna o PP, e que contan cunha poboación duns 112.300 habitantes. Pola contra, para os 27 municipios nos que hai Executivos do PSOE, cunha poboación de 105.400 habitantes, as axudas suman case 392.000 euros, representando o 30% fondos. Para os 6 Concellos con Gobernos de BNG ou Independentes, con preto de 26.500 veciños, os fondos ascenden a 62.150 euros, sendo o 10% dos mesmos.
Discriminación máis evidente cos Concellos do PSOE
Isto supón, que o Goberno de Candia concede 170.300 euros máis aos 33 Concellos do PP que aos 33 Concellos de PSOE, BNG e Independentes, aínda que estes últimos municipios teñan 19.500 habitantes máis que os gobernados polos populares. Esta discrimación aínda é máis evidente de ter en conta que o Executivo de Candia outorga 300.000 euros máis, é dicir, un 40% máis de fondos, aos 33 Concellos con gobernos do PP que aos 27 Concellos do PSOE, aínda que a diferencia no número de habitantes non chegue nin aos 7.000.
Mondoñedo, un caso moi peculiar
Mondoñedo, do que é Alcaldesa Elena Candia, é dos Concellos da provincia que máis cartos recibe, concretamente ocupa o sexto posto, con 37.061 euros, cando non chega aos 4.000 habitantes. En contraposición, Sarria que case multiplica por 10 dito número veciños, pois ten máis de 13.500 cidadáns, recibe preto de 9 veces menos que o municipio mindoniense, xa que o Executivo de Candia só lle outorga 4.557 euros.
Outras comparacións signficativas co Concello de Mondoñedo son, por exemplo, Burela que duplica a poboación mindoniense, con 9.660 habitantes, e recibe 3 veces menos de fondos, exactamente, 11.364 euros; ou Viveiro que multiplica por 10 á poboación mindoniense, con 16.000 habitantes, e recibe 5.200 euros menos que Mondoñedo, concretamente, 31.832 euros. Pola contra, Vilalba que ten uns 14.800 veciños, recibe 132.050 euros, ocupando o primeiro posto.
Palas de Ulla e Baleira
Despois de Vilalba, o segundo Concello que máis fondos recibe é Palas de Rei que, con 3.600 habitantes, recibe 64.718 euros. Séguelle Baleira que, con 1.392 habitantes, conta cunha subvención de 62.631 euros. Todos estes municipios están por diante doutros con moitos máis veciños como, por exemplo, Monforte de Lemos (19.201 habitantes/59.221 euros de subvención) ou Ribadeo (máis de 10.000 habitantes/47.279 euros de subvención).
Antas de Ulla e Carballedo
Outros dos premiados polo Goberno Provincial do PP é o Concello de Antas de Ulla que, con 2.100 habitantes, recibe 36.859 euros, así como Carballedo que, con 2.401 veciños, ten unha subvención de 36.153 euros. A situación destes municipios dista doutros cun número semellante de habitantes pero doutras cores políticas. Por exemplo, Meira con 1.957 euros; Monterroso con 3.063 euros ou Pol con 8.391 euros.
Presas por aprobar as Axudas oa Fogar
O Executivo provincial do Partido Popular convocou o pasado vernes, 7 de agosto, ás 10:00 horas, a Comisión de Valoración para a concesión das subvencións aos Concellos coas que sufragar os gastos das Axudas ao Fogar. Nesta convocatoria, o Goberno de Candia entregou ao membros da Comisión de Valoración, entres os que se atopaban dous representantes do PSOE, un único documento con dúas páxinas co reparto das axudas entres os 66 Concellos da provincia, todos agás o de Lugo. É dicir, non se facilitou documentación algunha na que se clarificase o porqué das diferentes cantidades que recibe cada municipio. Ante a falta de información, o Grupo Provincial Socialista abstívose na votación.
Tras rematar o encontro, o Goberno de Candia informou telefónicamente ao Grupo Provincial Socialista que había “erros aritméticos”, textualmente, na documentación votada, así como que na Mesa de Valoración había máis membros dos correspondentes, segundo recollen as bases do SAF. Por este motivo, os populares propuxeron aos socialistas modificar, directamente, a Acta da sesión para que solo figurase os integrantes debidos, anulando deste xeito e sen máis a presenza doutros. Ademais, decidiron enviar por correo electrónico a documentación definitiva tras corrixir os “erros aritméticos” detectados. Así o fixeron preto das 14:00 horas do venres.
A pesares de todas estas chapuzas, o Goberno de Candia tiña convocado para o mércores 12 de agosto unha Xunta de Goberno Extraordinaria na que aprobar, definitivamente, o reparto das Axudas ao Fogar. Coñecida esta convocatoria, o Grupo Provincial Socialista alertou ao Goberno de Candia de que isto non se podía facer, posto que na Comisión de Valoración nin tan sequera se votou a documentación correcta, nin se celebrou como recollen as bases, polo que era imprescindible celebrar outra.
Visto que o PSOE non ía ser partícipe nin ía a consentir esta chapuza, o Executivo do PP viuse na obriga de rectificar e convocar unha nova Comisión de Valoración para este venres, 14 de agosto, ás 09:00 horas, co obxectivo de aprobar o reparto do SAF na Xunta de Goberno Provincial ordinaria de hoxe mesmo.
Ante o evidente reparto partidista e discriminatorio, o Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo abstívose na votación, posto que non ía a votar en contra de cartos para os Concellos, sexan da cor política que sexan.

















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



