Burela, 2 de setembro de 2015.- Dende o pasado mes de novembro os fins de semana en Burela empezan os xoves… grazas aos cinco locais de hostalaría que organizan os “Juernes&Tapas en Burela”: Hotel Nordés, A Parrillada de Jandro, Cervexaría Kiko, ou Traste e BoasMigas.
Despois da parada do mes de agosto, en setembro volven as tapas dos Juernes… e empezan este xoves día 3 cun aceno ao Festival de música alternativa e underground Osa do Mar, que se celebra en Burela este fin de semana.
Por iso as tapas desta semana preséntanse cos nomes de grupos que actúan no festival, como Novedades Carminha, The Blind Crows, Pálido, Sexy Zebras, Cuchillo de Fuego, True Mountains, Alex Casanova, Disco Las Palmeras, Nistra Batuko Exploration e The Lost Omelette Makers.
Unha oferta gastronómica que tivo grande acollida entre o público e que ofrece cada xoves dúas novas tapas elaboradas en cada ún dos locais participantes ao prezo de 1,50 €. Ademais, os clientes que durante os tres “juernes” do mes de setembro proben polo menos unha tapa nos cinco locais poden participar no sorteo de 250 euros, consistentes nun vale de 50 euros en cada local.
Especial Osa do Mar
Ademais dos nomes das tapas deste Juernes, os locais colaboran co festival Osa do Mar acollendo respectivas sesións vermú (bearmú) o sábado a mediodía; ademais de ofrecer un menú especial “Osa do Mar” durante todo o fin de semana.