Mondoñedo, 2 de agosto de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, considera necesario e vital o traballo conxunto para a promoción do Camiño Norte e nesta liña promoverá a creación dun ente que aglutine aos concellos de Lugo polos que transcorre esta ruta xacobea.
Candia convocará por carta aos alcaldes dos distintos concellos para trasladarlles esta proposta e comezar a traballar na futura constitución deste ente unido que, segundo a alcaldesa, “permitirá de xeito conxunto aproveitar o potencial turístico que ofrece o Camiño e incrementar a súa promoción”.
Deste xeito, a alcaldesa de Mondoñedo convida aos rexedores locais de Ribadeo, Trabada, Barreiros, Lourenzá, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte e Friol a establecer sinerxías que contribúan a acadar políticas de acción colaborativas a nivel turístico, tomando como referencia, polo tanto, o Camiño Norte, que hoxe en día conta con repercusión a nivel mundial.
Candia considera que estamos ante o reto de “saber aproveitar con intelixencia o recoñecemento que volve a situar á provincia como referente mundial no eido do patrimonio cultural e de saber responder aos peregrinos que visitarán os nosos concellos”.
Por iso, a alcaldesa defende a unidade e o traballo conxunto para promocionar tamén os recursos turísticos, patrimoniais, culturais e históricos que ofrecen cada un dos municipios polos que pasa o Camiño Norte. Trátase dunha iniciativa, que repercutirá de xeito beneficioso na economía local.