Lugo, 10 de setembro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, indicou que a volta ás aulas dos nenos de educación Infantil e Primaria desenvolveuse con normalidade nos centros educativos da comarca da Mariña.
Dos preto de 4.800 cativos que iniciaron este xoves o curso escolar 2015-2016, o 67 por cento fano en centros de educación Primaria.
Arias salientou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está comprometida co “ensino público de calidade” en todos os centros educativos “independentemente da súa ubicación xeográfica”.
“A Xunta de Galicia asume como unha obriga ineludible dar resposta axeitada ás necesidades de todos os centros educativos pero cun cariño especial aos que se atopan no medio rural, nas vilas máis pequenas da nosa xeografía. Esa actitude é un síntoma inequívoco da vontade firme de articular unha vertebración eficaz da nosa comunidade autónoma, e nomeadamente da nosa provincia. Non hai dúbida de que a educación é un piar básico nese obxectivo e un dos factores determinantes para fixar poboación”, argumentou Arias.
O novo curso académico en educación Infantil, Primaria e Educación Especial supón a incorporación ás aulas de 20.334 cativos en toda a provincia, 276 máis que o ano pasado. Preto de 13.600 en Primaria e 6.646 en Infantil.
A delegada territorial tivo palabras de “ánimo e recoñecemento” para todo o persoal docente e auxiliar que co seu traballo, “nunca suficientemente valorado, son os encargados de guiar e instruir en valores aos alumnos, ademáis de transmitir coñecementos”.
Raquel Arias salientou que un ensino público de calidade, ademais dunhas instalacións dignas e axeitadas ás necesidades específicas de cada tramo educativo, “que na medida das posibilidades orzamentarias a consellería tenta sempre ter a punto”, ten que dispoñer de ferramentas adaptadas aos tempos.
Neste senso salientou que neste curso incorpóranse catro centros máis (Ceip de Covas en Viveiro e os CPIs de Castroverde; Tino Grandío de Guntín e o Plurilingüe de Navia de Suarna) aos 11 que o ano pasado iniciaron o proxecto de libro dixital E-DIXGAL.
Ademais, hai cinco novas incorporacións ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) na provincia, un deles da Mariña, concretamente o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Viveiro. En total, nesta nova edición do plan, os centros adscritos en Lugo suman 69, que recibirán para o seu desenvolvemento este ano unha achega de preto de 62.000 euros.