Ribadeo, 15 de outubro de 2015.- A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga), con sede en Ribadeo, está inmersa no proxecto de internacionalización turística dos municipios da Mariña, dentro dos programas europeos nos que participa e que xa os levaron este ano a Italia, Alemaña e a República Checa. Álvaro Doural, o presidente do colectivo, asegura que a comarca ten moitas potencialidades á hora de atraer visitantes internacionais.
O presidente de Apaga contou que “o ano pasado empezamos a traballar un pouco co Concello de Ribadeo nese aspecto e este ano estámolo abrindo a todos os Concellos da Mariña. A verdade é que na zona de Burela, Foz e Viveiro aínda non falamos cos rexedores, cos alcaldes e alcaldesa, no caso de Viveiro, pero queremos pechar o grupo de traballo, ter algunha reunión, porque creo que é un punto moi importante que toda esta xente que chegue aquí, a través de proxectos europeos de ensino, teña a posibilidade de ter unha información de todo o que hai nesta comarca”.
Álvaro Doural conta que “o outro día quedei sorprendido na Pontenova, cunha señora que agora non é concelleira, coas explicacións que daba do tren mineiro, coa súa formulación da mina. Dicíanos que ninguén se acorda dos traballadores da mina. Cada día te atopas nos nosos municipios cunha sorpresa, xente que pode aportar cantidade de cousas. Aí está o punto de partida, imos intentar que cada Concello sexa capaz de expor o seu potencial. Eu creo que cada municipio da Mariña ten un potencial distinto, que non ten por que chocar en absoluto. Ese é o camiño. O proceso de internacionalización dos municipios, que é como nós o denominamos, xorde dos proxectos europeos que temos neste momento na nosa asociación, e pode dar moitos froitos”.
Apaga recibiu nos últimos días a visita dun grupo de profesores procedentes de Olomouc, na República Checa, que visitaron diferentes empresas e centros educativos da comarca dentro dun proxecto europeo no que a asociación que preside Doural é por primeira vez socio de acollida. Esta mesma mañá os docentes abandonaron Ribadeo para dirixirse a Santiago, cidade na que visitaron a empresa Castrosúa. A continuación viaxarán a Pontevedra para desenvolver durante dous días un programa similar ao realizado na Mariña. Alí son acollidos por un instituto da cidade do Lérez.