Burela, 30 de outubro de 2015.- Burela contará con páxina web turística a principios de 2016, tal e como anunciou o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, logo do encontro celebrado este xoves con representantes do sector. Na reunión, o edil aproveitou para recoller as propostas encamiñadas a mellorar a imaxe de Burela e marcou co sector unha folla de ruta para potenciar o porto, as praias e os recursos naturais do municipio.
O edil socialista cualificou a reunión como moi positiva: “todos os actores implicados no tema turístico aportaron as súas ideas para que o Concello as poida seguir e levalas adiante. Foi moi satisfactoria e estamos moi contentos coa reunión”.
Fernández tamén anunciou que “se lle vai dar carta branca á páxina web de turismo do Concello, co que estableceremos contacto coa empresa e nos próximos días se irá xa poñendo a traballar sobre o tema. Agardamos que de cara a primeiros de ano xa teremos a nosa páxina de turismo funcionando. Entendemos que é unha cousa moi positiva e que vai ser un soporte moi importante de cara a mellorar o turismo en Burela”. Na xuntanza de onte á noite tamén se abordaron outras cuestións: “falamos das cousas a mellorar, é verdade que detectamos que a imaxe do pobo ten que seguir mellorando moito, estamos traballando duramente neses aspectos. Hai que recoñecer que temos que seguir poñendo máis énfase nese asunto. Dende o Concello é unha das prioridades que imos ter, a de mellorar a imaxe do pobo para que visitantes e veciños teñan unha boa imaxe del”.
O Concello manifesta a súa intención de seguir traballando conxuntamente cos profesionais do sector e impulsar o porto, as praias e os recursos naturais: “cando teñamos algunha novidade volveremos convocalos para seguir falando e traballando conxuntamente no plan turístico de Burela. Non podería ser doutro xeito, non podemos andar por libre no tema turístico. Temos que contar co sector porque eles ao final son os máis afectados e os que máis teñen que aportar de cara a ideas e proxectos ao Concello. O Concello ten a súa propia liña de ruta marcada, que explicamos onte, e todo o mundo está de acordo en seguir traballando e potenciando o tema do porto, as praias e todos os recursos naturais que temos. Nesa liña imos seguir traballando, dentro das posibilidades que temos no Concello, que son as que son, tampouco nos podemos enganar. O Concello non pode asumir en solitario todos os proxectos que temos pensado poñer en marcha e seguiremos a traballar có sector e coas administracións para conseguir esa axuda necesaria para colocar a Burela no sitio que lle corresponde”.