Viveiro, 29 de outubro de 2015.- Bernardo Fraga Galdo con domicilio a efectos de notificación en Avda. de Ferrol nº20 Entrechán 20-A, en nome e representación do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, e conforme á lexislacion vixente, presenta ao Pleno da Corporación Municipal de Viveiro a seguinte:
MOCIÓN PARA A DECLARACIÓN DO CASCO ANTIGO DE VIVEIRO COMO CONXUNTO HISTÓRICO.
O Casco Histórico de Viveiro, conta cun Plan Especial de Protección e Reforma Interior(PEPRI) aprobado no ano 1997, e que foi o documento clave para invertir a tendencia autodestrutiva do Casco Histórico de Viveiro. O PEPRI conseguiu que hoxe en día, o Casco Histórico de Viveiro, teña centos de vivendas reformadas ou rehabilitadas, conforme a uns criterios construtivos e unha tipoloxía propia, característica da historia da nosa Cidade.
A singularidade do Casco Histórico de Viveiro, non está sin embargo recoñecida polos organismos da Xunta de Galicia, como así debería de ser.
A Lei 9/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia establece a definición de Conxunto Histórico no seu artigo 8 4.b. Conxunto histórico, a agrupación de bens inmobles que forman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, condicionada por unha estructura física representativa da evolución dunha comunidade humana, por ser testemuño da súa cultura ou constituír un valor de uso e gozo para a colectividade, aínda que individualmente non teñan unha especial relevancia.
Conforme a esta descripción, queda claro que o Casco Histórico de Viveiro, posúe as condicións aprobadas para ser declarado Conxunto Histórico.
No apartado 1 do artigo 45 da citada lei, establece “A declaración dun conxunto histórico determinará a obriga para o Concello no que se atope de redactar un plan especial de protección da área afectada. A aprobación definitiva deste plan requirirá o informe favorable da Consellería de Cultura, que se entenderá positivo transcorridos tres meses desde a súa presentación”. No caso do noso Concello, o Plan de Protección xa se atopa realizado posto que temos en vigor o PEPRI de 1997.
A día de hoxe, para realizar unha actuación dentro do Casco Histórico de Viveiro, é preciso realizar unha solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio para a autorización das obras, sexan maiores ou menores, co coste económico e de prazos de execución dos traballos que isto supón para as nosas veciñas e veciños.
A lei 9/1995 establece nesta cuestión, no parágrafo 2 do artigo 47 “Unha vez aprobado definitivamente o plan especial de protección, os concellos serán competentes para autoriza-las obras que o desenvolven, incluídas as dos contornos dos monumentos declarados, e deberanlle dar conta á Consellería de Cultura das licencias concedidas nun prazo máximo de dez días. En todo caso, as intervencións arqueolóxicas requirirán a autorización da Consellería de Cultura”
A Declaración de Conxunto Histórico, recoñecería o valor artístico, cultural, arquitectónico, patrimonial e histórico do Casco Antigo de Viveiro, un recoñecemento da identidade cultural galega e do valor propio do noso Casco.
Ademais a Declaración, simplificaría a tramitación de autorizacións, a fin de facilitar ás veciñas e veciños de Viveiro, a realización de actuacións que continúen na senda de renovación e reforma do Casco Histórico de Viveiro.
Por iso solicitamos ao Pleno Municipal de Viveiro, a aprobación da seguinte MOCIÓN:
1. SOLICITAR Á XUNTA DE GALICIA E A CONSELLERÍA DE CULTURA, A DECLARACIÓN DE CONXUNTO HISTÓRICO PARA O CASCO ANTIGO DE VIVEIRO.