Santiago, 21 de novembro de 2015.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, defenderá na vindeira sesión plenaria da Cámara galega prevista para a nova semana que comeza unha iniciativa dirixida a dar o impulso definitivo ao proxecto de ampliación do Hospital da Costa.
O parlamentario popular será o encargado de presentar ante o Pleno da Cámara unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a dar continuidade “co proxecto e coas actuacións de ampliación do Hospital da Costa, contempladas no seu Plan Director”.
Balseiro asegura que probablemente esteamos ante a actuación máis ambiciosa das acometidas pola Xunta de Galicia na nosa comarca e un dos plans máis agardados polos veciños da Mariña tras case trinta anos de funcionamento deste centro hospitalario de referencia.
COMPLEXA TRAMITACIÓN TÉCNICA E ADMINISTRATIVA
O deputado popular sinala que, desde o acceso ao Goberno do PP, a prioridade absoluta do novo Executivo –referendada en múltiples ocasións polo Presidente da Xunta e os cargos populares da comarca- foi dotar de novos servizos ao Hospital da Costa, para prestar unha atención de calidade aos pacientes da área sanitaria.
Co obxecto de analizar as necesidades do actual edificio e dos servizos nel prestados, a Xunta elaborou –xa na anterior lexislatura- a revisión do plan funcional que describía os aspectos concretos que se debían mellorar.
Con posterioridade á disposición deste documento funcional o Goberno galego contratou a redacción do Plan Director do Hospital da Costa, asinado o 30/09/2014. O Plan Director, que tivo un custe de 112.000 euros, supón a exposición técnica e arquitectónica que establece os pasos dirixidos á modernización do centro, cunha programación racional das novas actuacións e inversións para acometer no mesmo.
A Xunta dispoñía xa que logo dun complexo estudo de actuacións que abrangue todas as áreas do Hospital,abordándose, inicialmente, as áreas de hospitalización, consultas externas, gabinetes de exploración, hospital de día médico e nefrolóxico, e loxística e instalacións, que entendían, debían centrar as primeiras melloras a acometer.
Finalmente, xa máis recentemente o Goberno galego autorizaba á Axencia Galega de Infraestruturas a disposición de un crédito que superaba os 30 millóns de euros para levar a cabo os traballos físicos de ampliación e remodelación da súa estrutura. O Diario Oficial de Galicia publicaba con data 30/09/2015 a súa licitación e, tan só está pendente a adxudicación que se complementará co inicio dos traballos.
OUTROS INVESTIMENTOS
De xeito paralelo a este longo proceso administrativo, o Goberno galego tamén incorporaba outras melloras urxentes como foron a creación da nova unidade de tratamentos de quimioterapia e os servizos de hospitalización a domicilio, que recentemente sumaba un novo equipo de profesionais para ampliar a súa cobertura e o número de pacientes atendidos.
Xunta o iso se impulsaban outras obras, por valor de 2,2 millóns de euros entre as que están a remodelación da área de maternidade, a reforma da cuberta, zona de arquivos e farmacia, a dotación de novos ecógrafos e dunha segunda sala de endoscopias, a remodelación completa das torres de anestesia, a modernización dos quirófanos, e novas vías rápidas –no ámbito dos servizos- para o tratamento de diversas tipoloxías de cancros, ou a dotación de novos equipos de climatización que empregan a biomasa.
POSIBLE GRAZAS Á RECUPERACIÓN ECONÓMICA
Balseiro defende que, en coherencia co inicio da recuperación económica, hoxe é posible acometer este elevado investimento que permitirá dispoñer dun hospital máis moderno e accesible e lembra que con ese obxecto, os orzamentos da Xunta de Galicia contemplan unha partida de 1,8 millóns de euros, suficiente para iniciar estes traballos en 2016.
O novo centro triplicará o seu espazo actual, que será remodelado e ampliado, e que se executará por fases, a primeira das cales implicará actuar sobre seis mil metros e se fará en tres anos. O investimento total desta fase supera os 12 millóns de euros dun total de case 30 que suporán completar a tan esperada ampliación.