Mondoñedo, 6 de novembro de 2015.- O BNG de Mondoñedo esíxelle a Elena Candia que priorice o seu tempo no goberno local e que deixe de facer manobras escuras na Deputación.
A raíz dunhas fotos publicadas en varios medios de comunicación, onde se ve a Elena Candia reunida en varias ocasións con Manuel Martínez, deputado díscolo do PSOE na Deputación de Lugo, nunha gasolineira do Corgo. O BNG local denuncia que estas manobras escuras obedecen a que a alcaldesa de Mondoñedo ten máis interese en desestabilizar o Goberno Provincial, por razóns de beneficio propio dentro da súa organización, que en defender os intereses da cidadanía mindoniense.
Eloi Cabanas, novo portavoz do BNG no concello de Mondoñedo, considera que a labor que ten a alcaldesa na institución provincial inflúe negativamente no tempo de dedicación ao goberno do concello de Mondoñedo, “mentres está na Deputación, o concello de Mondoñedo sufre desatención e abandono dos servizos básicos”.