O PP de Viveiro atopa moi curioso que para ser Técnico de Xestión da Piscina Municipal, so sexa preciso acreditar a titulación de Diplomado en Empresariais, namentres que persoal que podería estar igual ou mellor cualificado para o posto, como todos aqueles cidadáns que teñan feito unha Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ou un grao superior coma Técnico en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, ou o grao medio coma Técnico en Conducción de Actividades físicas e Deportivas non van poder optar a esta praza, porque apenas se lles vai a valorar esta formación superior.
O PP de Viveiro pregúntase se poderiamos estar ante un traxe a medida feito para certos candidatos, deixando fora de xeito inxusto e discriminatorio a moitos potenciais candidatos, cos mesmos dereitos que calquera outros que lle poidan interesar á Alcaldesa, e cunha formación específica, que sen dúbida sería moi proveitosa se o que realmente se quere, facendo pública a xestión da piscina, é que esta preste un mellor e eficiente servicio aos viveirenses.
Do mesmo xeito, o PP de Viveiro ve unha ofensa do goberno socialista a todos aqueles cidadáns de Viveiro ou de fora de Viveiro que teñen feito con moito esforzo uns estudos de especialización en titulacións de ámbito deportivo, e que logo se atopen con que para ser monitor deportivo nunha piscina municipal requírese só como titulación o Graduado Escolar. ¿Acaso a Alcaldesa non confía na formación e titulacións oficiais que imparte o sistema educativo español?.
O PP de Viveiro non sae do seu asombro ante semellante desatino, e insta á Alcaldesa a reconducir esta convocatoria de xeito que se respecten os principios de Igualdade, Mérito e Capacidade que deben rexir sempre calquera oferta pública de emprego. Pode alguén imaxinar que para optar a ser xuiz un non tivera coma requisito ser licenciado en Dereito e lle chegara o graduado escolar? Pode un imaxinar que para cubrir a praza de Interventor dun concello, na convocatoria se pedira a Titulación de Licenciado en Actividades Físicas e do Deporte?