As moratorias deben ir acompañadas da paralización de proxectos altamente demandantes de eucalipto, como a macrocelulósica de Altri en Palas de Rei
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025. Até 25 organizacións ecoloxistas de ámbito estatal e de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi (1) subscribiron unha declaración conxunta na que demandan a ampliación das actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto en Galicia e Biscaia até, polo menos, o ano 2030. Tamén reclaman a implantación desta medida en todo o norte peninsular: en Asturias, Álava, Cantabria e Guipúscoa.
Segundo os datos dos diferentes inventarios forestais, as plantacións de eucalipto seguen a estenderse na maioría de territorios do noroeste e o norte da península ibérica. Galicia é a Comunidade que sae peor parada, con case 420.000 hectáreas de superficie de eucalipto; seguida de Asturias, cunhas 60.000 hectáreas; Cantabria, con máis de 39.000 hectáreas e o País Vasco, con máis de 26.000, segundo indican os diferentes inventarios forestais, non todos actualizados. A isto habería que engadir as máis de 810.000 hectáreas existentes en Portugal. No entanto, estas cifras só inclúen as superficies onde o eucalipto é a especie dominante, pero non cando aparece como especie acompañante en masas mixtas (con outras especies) dentro de plantacións doutras especies ou noutros ecosistemas forestais onde se naturalizou.
Ao incumprimento da planificación forestal, nos últimos anos sumouse o incremento da superficie destas plantacións, motivado fundamentalmente pola substitución masiva de plantacións produtivas de coníferas (piñeiro de Monterrei e piñeiro marítimo fundamentalmente) que están a ser afectadas por varias pragas forestais. Como resposta a este problema, as administracións forestais respectivas estableceron prohibicións temporais (en Galicia, desde 2021 até finais de 2025, e en Biscaia, desde 2022 até finais de 2025) para tentar atallar a substitución masiva de coníferas por eucaliptos. Estas prohibicións temporais sumáronse á xa existente desde 2017 en Portugal, e que estará vixente deica 2030, o que provocou que as empresas papeleiras lusas estean a mercar e alugar plantacións de eucalipto en Galicia e Asturias, aumentando a presión nos territorios.
A pesares das moratorias en vigor, que expiran en Galicia e Biscaia este ano 2025, o incumprimento da moratoria e a persistencia das doenzas que afectan os piñeiros seguiron unha tendencia ascendente. Emporiso os ecoloxistas piden a ampliación e extensión das moratorias para paralizar o actual crecemento da superficie ocupada polo eucalipto no Estado español, en tanto non se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación das masas produtivas para toda a cadea de valor do sector forestal e a salvagarda dos ecosistemas de alto valor e os espazos naturais protexidos. Esta declaración vén precedida por outra xa realizada en Galicia o pasado abril, onde organizacións sectoriais da madeira, as organizacións ecoloxistas, propietarios forestais e fundacións diversas asinaron unha declaración conxunta a favor da ampliación da moratoria do eucalipto nesta Comunidade Autónoma, polo menos, até 2030.(2)
“Este proceso de eucaliptización no norte da península, que xa se consumou en Galicia, prodúcese nun intre no que a Xunta de Galicia impulsa unha nova fábrica de celulosa, o proxecto GAMA da papeleira portuguesa ALTRI, que incrementaría nun futuro próximo a demanda de madeira de eucalipto en todo o norte e noroeste peninsular”, declararon as organizacións asinantes. E continúan: “ALTRI e a expansión das plantacións de eucalipto son o mesmo. Non se pode permitir que o sector forestal do norte da Península camiñe cara ao monocultivo económico da produción de celulosa. Non só está en xogo a diversificación produtiva e o mantemento das diversas cadeas de valor, senón a procura dunha mellor adaptación dos ecosistemas ao cambio climático, con novos modelos de xestión forestal de plantacións que eviten que a situación actual se repita dentro duns anos”.
Na práctica maioría dos territorios onde o eucalipto está presente, esta árbore naturalízase e expándese fóra dos lugares onde foi plantada. É doado atopar eucaliptos ao longo das ribeiras dos ríos das vertentes atlántica e cantábrica e en numerosos espazos naturais protexidos. No caso de Galicia, é especialmente sanguento o caso do Parque Natural das Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. Neste lugar icónico, a superficie ocupada polas plantacións de eucalipto segue a medrar. Segundo unha investigación (3) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), nun período de 25 anos constatouse a perda dun 17,6 % de bosque autóctono no interior deste espazo protexido, así como un aumento das plantacións de eucalipto. Concretamente, a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2 % entre os anos 1997 (ano no que foi declarado Parque Natural) e 2022, demostrando o fracaso da xestión dos espazos protexidos en Galicia.
“É fundamental reabrir o debate sobre o impacto dos eucaliptos que prosperan fóra das plantacións e a súa interacción cos ecosistemas. Hai uns anos, a administración forestal do Estado español pechou en falso este debate a través dunha decisión con demasiados compoñentes políticos, decidindo agachar baixo a alfombra as evidencias do efecto sobre a biodiversidade dos eucaliptos naturalizados nos diversos territorios”, afirmaron as organizacións.
Os ecoloxistas piden que se estableza, no seo do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITERD), un grupo de traballo multidisciplinar que aborde os efectos sobre a biodiversidade da expansión do eucalipto fóra das plantacións, en especial no interior dos espazos naturais protexidos (4), así como a avaliación dos custos económicos da súa erradicación en zonas de Rede Natura 2000. A dita solicitude xa foi expresada á ministra e o secretario de Estado do MITERD na xuntanza do 22 de maio do Consello Forestal Nacional, e reiterada no Consello Asesor de Medio Ambiente (CAMA) o pasado 2 de xuño. As organizacións asinantes piden tamén que o Plan Nacional de Restauración da Natureza de España, en estado de elaboración nestes intres por parte do MITERD, inclúa proxectos de restauración de áreas afectadas por eucaliptos naturalizados dentro de espazos naturais protexidos, así como a redución progresiva das plantacións comerciais de eucalipto dentro da Rede Natura 2000.



















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



