Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015. A Federación Galega de Municipios e Provincias ratificou este martes a addenda do convenio dos Grupos de Emerxencia Municipais (GES). Grazas a este marco normativo, os concellos que conten con patrulla poderán seguir prestando este servizo aos veciños da súa contorna durante os próximos 3 anos. O presidente da Fegamp, Alfredo García, asinou o acordo que tamén quedou rubricado pola Vicepresidencia da Xunta, a Consellería do Medio Rural e as catro Deputacións Provinciais.
O marco normativo inclúe avances que palían deficiencias do anterior convenio, manifestadas ante a Fegamp polos distintos alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos que teñen GES, como os novos prazos de financiamento e a concreción de casuísticas para a xustificación de actividades.
As melloras do novo convenio
Froito das reunións de traballo entre o equipo técnico e executivo da Fegamp cos distintos rexedores e grazas á disposición da Xunta de Galicia e das catro Deputacións nas negociacións, hoxe asínase un convenio que inclúe unha maior axilidade na xestión dos GES. As súas principais novidades son as seguintes:
– As partidas orzamentarias aparecen máis especificadas que antes e mellórase a súa distribución.
-Simplificación da xustificación das partidas orzamentarias e máis prazo para facelo.
– Fíxase a colaboración e información entre as distintas institucións.
– Os traballadores poden seguir adscritos ao servizo.
– Maior abano de actividades preventivas: o anterior texto só contemplaba os desbroces. Agora inclúese a definición de parcelas de protección, a identificación dos propietarios das parcelas e diferentes tipos de rozas.
– A planificación de desbroces pódese facer con máis tempo de antelación.
– Medidas para a eliminación da avespa velutina.
O presidente da Fegamp, Alfredo García, quixo destacar que se inclúen “avances moi significativos respecto do anterior convenio, que garanten a continuidade do servizo nunhas mellores condicións tanto para os gobernos locais, como para os propios traballadores”.
A Fegamp destaca ademais a posibilidade de que nos vindeiros meses se pulan algúns aspectos que debido á celeridade das negociacións quedaron pendentes de concretar. A súa aprobación precisaba da maior axilidade posible, xa que o 31 deste mes caducaba o acordo vixente.