Lugo, 3 de decembro de 2015.- Nós – Candidatura Galega iniciou este xoves en Lugo a campaña electoral cun acto simbólico no que se reivindicou “a necesidade de que Galiza conte cun grupo parlamentario propio no congreso dos deputados para defender os intereses deste país”. Olalla Rodil reivindicou a necesidade de mellorar, entre outras cousas, os servizos ferroviarios cara Lugo. Simbólicamente Nós – Candidatura Galega iniciou en Lugo a campaña cara as eleccións xerais do 20 – D cun acto no que se repartiron castañas asadas na locomotora do castañeiro da Pza. Maior. “Arrancamos a campaña cun produto do país e co único tren que funciona en Lugo” dixo Olalla Rodil.
Olalla Rodil sinalou que “nun Congreso sen maiorías absolutas, ca reformulación do actual marco institucional, tamén forman parte destacada das propostas de NÓS os asuntos relacionados co marco competencial, o sistema de financiamento e as medidas de rexeneración democrática”. “Galiza ten que ter voz para avanzar cara máis autogoberno”, indicou Rodil.
“A proposta de NÓS pasa por un modelo territorial e administrativo propio que recolla a situación xerada pola crise demográfica, que mancomune servizos en cooperación entre concellos, superando o marco da provincia. Eu son de Ribeira de Piquín e nada ten que ver iso coa Mariña lucense”, exemplificaba Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo. Nós – Candidatura Galega propón suprimir as institucións propias dun modelo de estado obsoleto, como as deputacións provinciais e as delegacións de goberno, e tamén os ministerios con materias transferidas, como Educación ou Sanidade.