Lugo, 6 de decembro de 2015- O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, presidiu o acto conmemorativo do 37º aniversario da Constitución Española, que se celebrou esta mañá na sede da institución en Lugo. No transcurso do mesmo, procedeuse á entrega de seis condecoracións pertencentes á Orde do Mérito Civil que concede o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. Estas medallas foron outorgadas a membros do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil en recoñecemento á súa traxectoria profesional xeral ou pola súa dedicación ao Plan Director de Seguridade en centros educativos da provincia. Así, foron galardoados:
▪ Encomenda da Orde do Mérito Civil:
-Jesús Eliseo López Novo, secretario xeral da Comisaría Provincial da Policía Nacional en Lugo (traxectoria)
▪ Cruz de Prata da Orde do Mérito Civil:
-Ramón Peña Pérez, garda civil do centro penitenciario de Monterroso (plan director)
-Manuel Luis Torrón Puga, garda civil do posto da Pobra de San Xiao (traxectoria)
-Carlos Méndez Cereijo, garda civil do Grupo de Información da Comandancia de Lugo (traxectoria)
▪ Cruz da Orde ao Mérito Civil:
-María Isabel García Núñez, sarxento da Garda Civil que estivo á fronte do Seprona en Lugo (plan director)
-José Carlos Fernández García, subinspector de Policía Nacional en Lugo (plan director)
O subdelegado do Goberno recoñeceu e agradeceu a labor dos seis condecorados, que fixo extensiva a todos os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados en Lugo, por “terse constituído en referente de compromiso e vocación de servizo a esta provincia”.
UNIDADE FRONTE AOS DESAFÍOS
No seu discurso, Ramón Carballo referiuse aos valores da “concordia, o respeto, o compromiso e o diálogo” como os “eixos motrices” do consenso constitucional de 1978 e fixo fincapé neles “no convencemento de que hoxe teñen tanto valor e sentido político como o tiñan naquel momento”.
Lembrou que “logo de anos de totalitarismos e de enfrontamentos” a Constitución deunos “o período máis longo de intenso de progreso, estabilidade e convivencia en paz e liberdade”. “A ela debémoslle a recuperación das nosas liberdades, e mesmo da condición de cidadáns, así como tamén o establecemento dun modelo territorial que nos permitiu -e permite- convivir nun marco plural como é España; unha nación privilexiada onde collen todos os sentimentos e sensibilidades, estando garantida a pluralidade dende a unidade mediante a diversidade dos nosos territorios, linguas e costumes propias”. Aludiu neste senso á recente sentenza do Tribunal Constitucional na que se expresa que “a lexitimidade e a pluralidade dos nosos territorios vennos da propia Constitución”.
O subdelegado do Goberno quixo reivindicar a labor dos pais da Constitución, “sete homes que fixeron política con maiúsculas, antepoñendo a responsabilidade de Estado aos seus propios intereses políticos e ideolóxicos”.
Nos últimos 37 anos, continuou, foron xurdindo novos desafíos e dificultades “que veñen amosarnos a necesidade de actuar con determinación, de unir esforzos e de acadar obxectivos conxuntamente, dentro das normas que nos marcamos” polo que reivindicou o espírito que viu nacer a Carta Magna do 78, “aquela vontade de entendemento, aquel propósito de reconciliación, aquel afán de convivencia, de paz e de liberdade”.
A intervención do representante gubernamental rematou asegurando que “hoxe, coma onte, nesta nosa sociedade dinámica e activa, temos que perseverar para acadar aínda maiores cotas de liberdade e progreso. E para elo contamos coa Constitución, o noso preciado marco de convivencia, que se erixe como o mellor instrumento de futuro”.
ASISTENTES
Entre os asistentes a este acto conmemorativo estiveron representantes da vida civil, militar, xudicial e eclesiástica da provincia. Entre eles, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro; o presidente da Deputación Provincial, Darío Campos; o vicerreitor de coordinación do Campus lucense, Javier Bueno; o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo; o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco; o subdelegado de Defensa, Ricardo J. Suárez; a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias; o comisario xefe provincial do CNP, Manuel Teijeiro; e o xefe da Comandancia de Lugo, o tenente coronel Miguel Ángel González Arias, entre outros.