Bruxelas, 9 de decembro de 2015.- Na última sesión da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo presentouse a través dunha audiencia de “expertos” a posibilidade de que algunhas das Novas Técnicas de Reprodución (NTR) de alimentos nas que a Comisión Europea está traballando, podan ser consideradas NTR e non OXM dende o punto de vista xurídico e, polo tanto, non ter que ser sometidas a unha regulación que se percibe máis esixente.
Trátase, polo tanto, da interpretación dun texto xa existente, a Directiva Europea 2001/18/EC, polo que, segundo explicou a representante da Dirección Xeral para a Saúde e a Seguridade Alimentaria, a Comisión non terá que abrir ningún proceso de codecisión canda o Parlamento, ao non haber nova normativa. A Comisión prevé convocar “un grupo de expertos, ó Parlamento e ás partes interesadas” en febreiro do vindeiro ano.
“O movemento labrego internacional leva xa máis de vinte anos funcionando colectivamente, e non é a primeira vez que vemos como pretenden presentarnos a alimentación transxénica como se non o fora, ou poñer trabas á súa identificación”, lembrou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e titular na Comisión de Agricultura para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra. “Non podemos permitir que nos poñan organismos xeneticamente modificados nos nosos pratos sen nin sequera respectar o noso dereito a sabelo e a poder elixir”, argumenta a eurodeputada galega.
De avanzar esta estratexia impulsada polo lobby pro OXM’s e algúns Estados membro, “se xuridicamente non se considera como transxénico un organismo modificado xeneticamente, este pode pasar a ser producido, distribuído, empregado e/ou consumido na Unión Europea sen verse sometido ao control da lexislación comunitaria”, moito máis estrita que noutros territorios como, por exemplo, os EEUU.
E é precisamente esta falta de similitude entre EEUU e a UE na regulación dun aspecto tan sensíbel como o dos OXM’s, o que está a supor un dos puntos problemáticos na negociación de tratados de libre comercio como o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership/Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión), polo que Lídia Senra non desbota “a posibilidade de que precisamente a Comisión Europea estea a tantear a opción de rebaixar os controis sobre transxénicos para facilitar as negociacións e posterior aprobación deste tratado”.
Por outra banda, a intención da Comisión de avanzar nunha alimentación deseñada polas grandes corporacións en substitución da propia Natureza, avogando polo desenvolvemento de novas técnicas de produción de alimentos en lugar de apoiar a agricultura labrega, “ten ademais o interese engadido de ampliar o mercado de patentes cas que se enriquecen as grandes multinacionais da alimentación; en detrimento do campesiñado, do intercambio de sementes e do traballo e a loita por desenvolvermos unha agricultura agroecolóxica que proporcione elementos sans e de calidade á poboación, avanzando ao mesmo tempo cara a consecución da soberanía alimentaria para os pobos, que é o único xeito de non estar sometidas ás corporacións internacionais para poder comer”, sentenciou a eurodeputada galega.