Santiago, 27 de xanerio de 2016.- O voceiro de asuntos pesqueiros do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, formulou na tarde deste mércores unha pregunta dirixida á conselleira do Mar, Rosa Quintana, na que se interesaba pola valoración que desde o Goberno galego facían sobre o resultado do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que determinou os totais admisibles de capturas (TACs) e as cotas para o ano 2016.
A titular do departamento autonómico de Mar confirmou, a preguntas de Balseiro, que o ano en curso conseguíronse 6.000 toneladas máis de posibilidades de pesca que o ano pasado, o que supón un aumento de case o 2,5% no global de cotas e ofrece un incremento acumulado do 15,5% desde o 2012 en beneficio da flota española.
Tanto a conselleira como o deputado popular coincidiron en cualificar de moderadamente positivo o resultado da negociación, a xuízo destas cifras, e tendo en conta o punto de partida, con propostas de recortes moito máis lesivos para a nosa flota. Ambos tamén concordaron en que, para mudar esta proposta inicial foi decisivo o traballo realizado dende Galicia trasladando informes e documentación sobre o impacto socioeconómico que terían os recortes inicialmente propostos, por exemplo, sobre o lirio, ou no caso da Secretaría General de Pesca, relativos á pescada, rape e gallo.
Cifras positivas en especial en Gran Sol
Afondando nos datos obtidos, ambos intervintes salientaron as cifras positivas para a flota do Gran Sol, que sae beneficiada con incrementos nas cotas de pescada, gallo e cigala, e unha continuidade no peixe sapo, nas raias e no abadexo. Amais, e no caso do Cantábrico, tamén o cerco sae beneficiado co incremento da cota do xurelo dun 27% no Cantábrico e dun 15% na zona de Fisterra a Portugal que compensan a baixada da xarda, que, mediante intercambios, podería quedar nas cifras do pasado ano.
Nesta mesma zona hai que apuntar tamén que se logrou frear a caída libre que se propoñía desde Bruxelas para a pescada, pasando dunha proposta de rebaixa dun 62% a unha baixa efectiva do 21%. Do mesmo xeito, tamén se freou, en maior medida aínda, a proposta de recorte do gallo, o rape, o lirio, o abadexo e as raias. Pola contra, os resultados non son os esperados para as flotas de artes fixas no caladoiro nacional, aínda que conseguiuse que se mellorara substancialmente o punto do que se partía.