Foz, 5 de xaneiro de 2015.- As previsións de choiva para a tarde deste martes obrigan ao Concello de Foz a introducir cambios nos actos de celebración da cabalgata dos Reis Magos: se as condicións meteorolóxicas o permiten farase un percorrido máis curto do previsto, que sairía das inmediacións da praia da Rapadoira e remataría no colexio público Número 1. Do contrario, as súas Maxestades de Oriente serán recibidas polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira, ás 19:30 horas no colexio Número 1, onde farán o seu discurso e recibirán aos nenos e nenas de Foz. Tamén se trasladará alí o belén vivinte e farase a tradicional chocolatada.
O rexedor municipal anunciou este martes ao mediodía que “en principio ás 19 horas sairán do punto de partida as carrozas, dende as inmediacións da praia da Rapadoira, no Paseo de Colón. Ata alí achegaranse os Reis Magos e nese momento avaliaremos se poden saír as carrozas ou non. O máis probable é que non se poda saír e que os Reis Magos se despracen directamente nos coches ao colexio nº1, non á Casa do Concello, que é onde se facía sempre todo en anos anteriores. No colexio Número 1 faranse todos os actos. Os Reis Magos serán recibidos por min ás 19:30 horas, falaran a todos os presentes e recibirán a todos os nenos e nenas, rapaces e pais, que queiran facer unha foto con eles ou realizarlles as súas peticións de xeito persoal. Imos intentar que o belén vivinte, organizado polo colexio do Pilar, que estaba no Concello se desprace ao colexio Número 1, onde tamén se fará a chocolatada”.
O alcalde asegura que con esta decisión o Concello “intenta que todos os actos se fagan ao cuberto e que non esteamos a expensas das condicións meteorolóxicas, porque a previsión é moi mala. En todo caso se para as 19 horas intuímos tempo descuberto e que se pode facer unha cabalgata curta, así se faría. Montaríamos ao Reis Magos ás 19 horas nas carrozas e faríamos un desprazamento curto dende a Rapadoira ata o colexio Número 1, pasando por Trapero Pardo e as Casas Baratas. Sería un desprazamento curto e con despois seguiríamos o programa xa mencionado. Polo tanto, todos os actos previstos no Concello desprázanse ao Colexio Número 1 e hai unha probabilidade moi baixa de que saia a cabalgata. En todo caso, se sae, terá un percorrido curto dende a Rapadoira ata o colexio. Pedimos desculpas aos veciños polas molestias, pero pretendemos que todos os que queiran ver os Reis Magos o poidan facer perfectamente e nas mellores condicións e que ninguén sufra as condicións meteorolóxicas malas previstas para a tarde de hoxe”.