Burela, 29 de xaneiro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, reuniuse en Lugo co responsable da área de Turismo da Deputación, Eduardo Vidal, ao que lle demandou axuda económica para afrontar o arranxo do barco museo Reina del Carmen.
O rexedor contou: “despraceime a Lugo para manter unha entrevista con Eduardo Vidal para pedirlle que nos boten unha man para a reparación do barco museo, que nos axuden economicamente para afrontar estes gastos. Queremos deixalo listo para os vindeiros catro anos, polo menos, e evidentemente necesitamos todo tipo de axuda para poder facer fronte a todos os arranxos que lle hai que facer, que non son poucos. Estamos comprobando que é necesario facerlle un mantemento en profundidade e para iso precisamos axuda”.
Llano aproveitou o seu paso por San Marcos para aborda con Vidal asuntos referidos á Mancomunidade de Municipios da Mariña, “tal e como falamos en Fitur. Queremos relanzar e dimensionar a nosa estrutura para que sexa máis atractiva turisticamente a nosa comarca. Queremos poñer puntos en común e así contar con eles para o desenvolvemento integral do turismo na nosa comarca”.