Cervo, 8 de xaneiro de 2016. O alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, e a concelleira de Educación, Dolores García Caramés, entregaron axudas de 1.250 euros cada unha ás asociacións de nais e pais de alumnos dos tres centros educativos do municipio: CEIP Cervo Número 1, CEIP Cervo e IES Marqués de Sargadelos.
A edil de Educación explicou que “con estas axudas pretendemos apoiar a educación fomentando a organización de actividades e a realización de iniciativas que vaian máis alá da actividade académica habitual. Ao mesmo tempo, lembramos que esta é unha das moitas liñas de axuda a nivel educativo que concede o Concello, neste caso pensamos na escola e na comunidade educativa”.
Dolores García engadiu que “traballamos durante todo o ano para tentar abarcar todos os aspectos que permitan mellorar o ensino” e lembrou as axudas aos centros educativos, entregadas recentemente, e tamén as subvencións para material escolar e libros para as familias ou as de transporte para veciños que estudan fóra do municipio.
A concelleira de Educación mencionou tamén “as numerosas actividades que se poñen en marcha para público infantil, como é o caso da Ocioteca (todos os sábados durante o curso escolar), ou os Enredos (nos períodos de vacacións), que mesturan a vertente lúdica coa aprendizaxe e que constitúen un complemento á educación”.