Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron na tarde deste luns a un traballador que resultara ferido tras sufrir unha caída de altura.
Segundo informaron testemuñas do suceso, o rapaz precipitouse dende unha altura equivalente a un cuarto piso e caeu nun patio de luces. O accidente aconteceu mentres o traballador estaba a realizar tarefas no tellado dun edificio sito na rúa Mar Cantábrico, á altura do número 2, no concello lucense de Burela.
Unha vez recibida a alerta dun particular, pasados uns minutos das 15.00 horas, o persoal do CAE 112 Galicia púxoo en coñecemento de Urxencias Médicas, forzas da orde, GES de Cervo e Protección Civil de Burela.
Atrapado baixo unha árbore en Ourol
Nesta mesma tarde, o 112 Galicia tamén tivo constancia doutro accidente laboral ocorrido no concello lucense de Ourol, no lugar de A Carballeira, parroquia de Xerdiz. Neste caso, unha persoa precisou asistencia médica tras resultar ferida ao quedar atrapada baixo unha árbore.
Aínda que se requiriu a presenza dos Bombeiros de Viveiro, a persoa foi liberada por particulares que se atopaban no lugar do suceso. Eran as 17.45 horas cando técnicos sanitarios chamaron ao 112 Galicia para solicitar axuda. De contado, ademais dos efectivos do parque comarcal de Viveiro, informouse a Protección Civil de Ourol e á Garda Civil.