Lugo, 28 de febreiro de 2016.- A candidatura de Elena Candia á presidencia do Partido Popular de Lugo, cuxo congreso se celebra o próximo seis de marzo, continúa a sumar apoios ao seu proxecto e entre eles conta co respaldo da agrupación local do Vicedo e do alcalde do municipio, Jesús Novo.
Jesús Novo, mandatario municipal de xeito ininterrompido dende 2001 na alcaldía vicedense, quixo resaltar o “profundo compromiso” de Elena Candia na defensa dos intereses dos veciños dende as institucións das que forma parte tendo “sempre moi presente a nosa comarca da Mariña”.
O rexedor popular defende o proxecto da mindoniense e do equipo que lidera xunto a Ramón Carballo, como “o idóneo” para guiar as rendas do Partido Popular de Lugo e acercar o partido á militancia. “As medidas que nos deu a coñecer, xunto a súa experiencia, o seu compromiso e o equipo que a rodea, aválana para asumir a presidencia dos populares lucenses”, indica.
Polo tanto, Jesús Novo quixo valorar tanto a “experiencia dos que levan anos gobernando como dos máis novos que chegan con ganas e ideas renovadas para darlle á militancia a resposta que precisa”.
Pola súa banda, a candidata á presidencia quixo agradecer os apoios que está a sumar tanto de alcaldes, de agrupacións locais como de militantes e de persoas comprometidas co Partido Popular e cos lucenses e engadiu que “todas as agrupacións van ter presenza no partido, se o vindeiro seis de marzo a candidatura que encabezo resulta elixida para presidir a formación política provincial lucense”.