Lugo, 20 de febreiro de 2016.- Os edís do Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo Enrique Rozas e Manuel López intégranse no equipo que lidera a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, de cara a optar á presidencia do Partido Popular na provincia. Deste xeito, na candidatura que encabeza a ex presidenta da Deputación e Ramón Carballo incorporan unha destacada presenza de responsables políticos da capital.
Elena Candia pon en valor e agradece estas dúas novas incorporacións ao seu equipo dado o “compromiso público que teñen demostrado dende hai anos” ademais dos seus coñecementos específicos en áreas moi concretas e de especial importancia para a provincia, como é o medio rural e tamén o ámbito deportivo, a seguridade e o tráfico.
De ser a candidatura con maior respaldo o próximo 6 de marzo, o contacto directo cos militantes será o eixo central da presidencia de Elena Candia de aí que “resaltamos a incorporación de persoas con experiencia no ámbito da xestión pública e no contacto directo cos lucenses”. Así, Enrique Rozas será o encargado da coordinación dos distritos de Lugo e de impulsar a súa participación.
Perfís
O edil Enrique Rozas López é empregado público do Ministerio de Defensa. Foi xerente no Patronato de Deportes do Concello de Lugo de 1987 a 1999, así como directivo do Breogán; árbitro de baloncesto e presidente do Colexio de Árbitros e tamén da Federación Lucense de Judo. Na actualidade é concelleiro na Corporación Municipal da capital lucense, onde exerce de portavoz do Grupo Municipal para asuntos relacionados co deporte e a seguridade.
Pola súa banda, Manuel López Fernández, enxeñeiro Técnico Agrícola coa especialidade en explotacións agropecuarias, é experto en xestión e asesoramento de explotacións agrogandeiras e foi responsable da compra de leite da empresa Lactaria Española RAM. Forma parte da corporación municipal da capital lucense, sendo un dos edís que mellor coñecen a zona rural ao traballar na defensa dos intereses dos veciños que residen nesta zona.