Burela, 2 de febreiro de 2016.- Moitas opinións están a favor de concibir a Mariña Lucense como unha unidade social, económica, política… Talvez moitos non saiban que existe un organismo supramunicipal que fai súa esta idea e intenta que a Mariña funcione como un todo. Un claro exemplo témolo no turismo: a Mariña presenta conxuntamente unha oferta turística para os visitantes, e así o fixo repetidas veces en acontecementos de renome como a pasada feira de Fitur en Madrid. Por iso no programa Parolando da Radio Burela queremos falar da Mariña como un todo e da Mancomunidade de Municipios da Mariña que intenta organizar a todos os municipios que conforman esta marabillosa terra. O vindeiro xoves, día 4 de febreiro, de 20,30 a 22,00 horas, falaremos no Parolando desta Mancomunidade e para facelo teremos connosco ós dous últimos Presidentes da mesma: o socialista Alfredo Llano, Alcalde de Burela, e o popular Alfonso Fuente, Alcalde de Barreiros. Con eles teremos tamén a outros dous alcaldes: Jesús Novo, Alcalde do Vicedo (PP) e Mayra García, Alcaldesa de Trabada (PSOE). Catro Alcaldes da Mariña que representan moi ben as diversas zonas que a compoñen: o Vicedo na Mariña Occidental, Burela na Mariña Central, Barreiros na Mariña Oriental e Trabada na Mariña Interior. Con estes catro Alcaldes falaremos do presente da Mancomunidade e do seu futuro, do que xa se fixo e do que queda por facer, das posibilidades deste organismo e, en xeral, dunha terra que, aínda que composta de varios e diferentes concellos, está unida por un alma común.