Cervo, 18 de febreiro 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, participa nunha xornada informativa sobre a nova Lei do Solo de Galicia que ten lugar este xoves en Lugo, na Delegación da Xunta. Esta actividade faise en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), da que Alfonso Villares é vicepresidente primeiro.
Villares sinala que “esta xornada xorde a través dunha xuntanza que tivemos co Secretario de Urbanismo os distintos voceiros da FEGAMP, na que decidimos que era necesario dar conta nas catro provincias galegas dos distintos cambios normativos no novo escenario que supón para o conxunto das entidades locais esta nova Lei do Solo”.
O rexedor municipal salienta que “é satisfactorio comprobar como nesta xornada a asistencia de xente, tanto de alcaldes e concelleiros como de técnicos locais está sendo moi alta, xa que se apuntaron máis de cen persoas”. Villares subliña que “o urbanismo é unha materia moi complexa dentro das funcións que se desenrolan nos concellos para todos: para os responsables políticos e ás veces tamén difícil de entender, captar ou transmitirlle á xente por parte dos distintos técnicos municipais”.
Alfonso Villares engade que “esperamos que con estas xornadas se de resposta a todas as cuestións coas que nos atopamos no día a día os distintos responsables e técnicos municipais”.
O vicepresidente primeiro da FEGAMP manifestou tamén que “a nova Lei do Solo de Galicia aborda principalmente dous aspectos importantes destinados ao medio rural, xa que favorece a instalación de actividades do sector primario e intenta embelecer as distintas edificacións tanto no rural como no urbano”.
Nestas xornadas participan xunto a Alfonso Villares a secretaria xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, e o subdirector de Urbanismo, Eduardo Sobrino.