Lugo, xoves 18 de febreiro de 2016. O alumnado de primeiro de Bacharelato no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes da capital luguesa liderou a fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía e acadou os tres primeiros postos dun certame que citou este mércores na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo 60 estudantes de cuarto curso de ESO e de Bacharelato dos IES María Sarmiento de Viveiro (14), IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo (18), IES Gregorio Fernández de Sarria (15) e IES Xoán Montes de Lugo (12), que están a cursar ou xa completaran a materia de Xeoloxía nos seus respectivos centros educativos de procedencia.
Raquel Peña Romero proclamouse gañadora provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía se acadou así a súa clasificación para a fase nacional dun certame promovido pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos. O seus compañeiros de curso no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes Borja Núñez Gómez, que rematou segundo e tamén ten acceso á fase nacional, que se desenvolverá la localidade oscense de Jaca do 8 ao 10 de abril, e Antón Salvador Ríos, terceiro, completaron o podio dun torneo, cuxo xurado outorgou un accésit a Andrea García Miragaya, alumna de cuarto curso da ESO no IES Xoán Montes de Lugo. Os campións nacionais terán acceso á fase internacional da olimpíada de Xeoloxía, que se celebrará do 20 ao 27 de agosto en Mié (Xapón).
O equipo do IES María Sarmiento de Viveiro integrado por Ainoa García Bellas, Abraham García Pena, Samuel Albo Carballeira, Óscar Gómez Murado e María Isabela Soreanu, acadaron o premio correspondente ao equipo que acadou maior puntuación no conxunto das probas desenvolvidas.
Desenvolvemento da fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía
A subdirectora de Prácticas Externas e Orientación Laboral da EPS, Rosa Romero Franco; a profesora do Departamento de Edafoloxía e Química da USC e coordinadora deste certame no campus de Lugo, Esperanza Álvarez; e Belén Pérez, en representación da AEPCT darán a benvida a todos os participantes inscritos na fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía.
Ao remate desta sesión, que se desenvolveu no salón de actos da EPS, os participantes inscritos comezaron a realizar as probas en grupo programadas neste certame. Xa en quenda de tarde, cada un dos participantes enfrontouse ás probas tipo test. Unha vez rematados os exercicios, o comité avaliador procedeu á cualificación dos mesmos e á correspondente entrega de premios, un acto ao que tamén asistiron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da EPS, Tomás Cuesta, e o coordinador do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, ademais doutros profesores colaboradores.