Santiago, 03 de febreiro de 2016.- O Grupo Popular apoiou este mércores no Parlamento a aprobación dun acordo dirixido a impulsar medidas en relación coa situación da pesca da sardiña, especie que se atopa nun estado biolóxico moi delicado, o que provoca a progresiva redución de capturas.
O portavoz popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, considerou que a proposta de acordo do BNG era demasiado ambigua, pois reclamaba “adoptar medidas en xenérico, sen identificar cales”, pero insistiu en facilitar este acordo para servir de apoio á flota do cerco e a todos aqueles profesionais que capturan sardiña.
EVITAR A IMPOSICIÓN DUN TAC E COTA
Balseiro tamén aclarou que “tanto o Goberno galego como o Goberno central si teñen clara a súa estratexia e, de feito, levan adoptado múltiples medidas nesta dirección”, empezando por contrarrestar o informe do Comité Científico Europeo (CIEM) que propoñía recortes que podían chegar ata o 90 por cento na posibilidade de pesca desta especie.
Na súa intervención, o portavoz popular subliñou que Xunta e Ministerio achegaron os informes socioeconómicos sobre a dependencia da flota e estudos propios sobre a situación do stock da sardiña ibérica, que conseguiron o máis difícil: evitar que Bruxelas impuxera un TAC e COTA.
NEGOCIACIÓN ENTRE ESPAÑA E PORTUGAL
Balseiro defendeu que a iniciativa das administracións populares “foron quen de manter a autorregulación e que sexa España e Portugal quen, de común acordo, establezan un plan de xestión conxunta, e non sexa este imposto desde Europa”. “Un plan que, respectando a necesidade de recuperación esta especie, sexa máis sensible cos nosos intereses”, insistiu.
O portavoz popular rematou lembrando que Galicia e España defenden que se traballe pola recuperación da biomasa de sardiña, “pero facendo o menor recorte posible”, ao tempo que amosou a súa confianza en que a negociación con Portugal que está en curso “dea boas novas en breve”.