24 de febreiro de 2016.- En nome dos colectivos ambientalistas convocantes, e debido á coincidencia de datas e horas dos actos públicos de apoio á manifestación do sábado 27 en Compostela contra a política acuícola do PP, DESCONVOCAMOS a rolda de prensa prevista para este xoves 25 ás 12h na Libraría Couceiro de Compostela.
A este respeito, os grupos ecoloxistas que subscreben queremos trasladar á opinión pública o seguinte comunicado:
EN DEFENSA DO NOSO MAR
NON Á LEI DE ACUICULTURA DO PP
Rosa Quintana demisión!
As entidades ecoloxistas e naturalistas abaixo asinantes apoiamos a convocatoria de manifestación deste sábado 27 de febreiro en defensa do noso mar e contra a planificación acuícola da Consellaría do Mar do Partido Popular.
Eis as razóns polas que dende un punto de vista ecoloxista rexeitamos esta planificación:
Subxace una filosofía neo-liberal, pensada para privatizar o mar, sen nengún tipo de restricións.
Está pensada para a gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e Pescanova- e posiblemente negociada con eles.
O marco normativo que deseñou o PP pretende que compitan os sectores tradicionais coas multinacionais en base a criterios estritamente económico-financeiros e tecnolóxicos e de aproveitamento máximo do recurso, sen considerar a capacidade de carga e o mantemento dos ecosistemas acuáticos.
Declárase a actividade industrial acuícola de interese público polo que se poderá expropiar a franxa litoral que precisen as empresas.
Elimínase a posíbel intervención dos concellos, mediante a declaración de supramunicipalidade dos macropolígonos acuícolas.
Realízase de costas aos sectores produtivos, grupos ecoloxistas, científic@s,…
Promove a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial.
Elimina a obrigatoriedade da avaliación ambiental das instalacións.
Permítese a ubicación de plantas acuícolas en espazos naturais protexidos: non hai zonas de exclusión.
Provoca unha degradación ambiental do mar e dos ríos como consecuencia dos contaminantes (produtos químicos, farmacolóxicos e materia orgánica), do cruce coas especies silvestres, do posíbel escape de especies foráneas (invasoras, exóticas,…), etc.
Malia a ter anunciado a retirada do rascuño de Lei de Acuicultura nun claro intento de desmobilización, polo masivo rexeitamento das organizacións sectoriais, confrarías, mariscadoras e ecoloxistas, a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas subxace nas actuacións políticas da consellaría do Mar.
Neste senso, a Lei de Acuicultura do PP é o último episodio dunha estreita sintonía entre governo galego e a patronal acuícola: normas a medida (Lei do Solo, POL, Plano da Rede Natura…), subvencións a eito, portas xiratorias…
Por estas razóns e polas actuacións da Consellaría do Mar na tramitación desta norma, convocamos á cidadanía galega á manifestación deste sábado 27 en Compostela e demandamos a demisión da actual conselleira Sra. Quintana.
Asinan:
ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Ecologistas en Acción, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa), Verdegaia