Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 16. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, amosou este martes a súa “fonda desconfianza” no novo anuncio do goberno galego, que hoxe amosou a súa disposición a retirar definitivamente a Lei de Acuicultura de Galicia. O responsable socialista urxiu explicacións “claras e convincentes” do presidente da Xunta diante dos “bandazos” do seu Goberno con esta Lei.
Val Alonso lembrou que hai apenas 15 días o goberno negábase a retirar unha norma que pretendía cambiar o modelo produtivo de Galicia. Reclamou “unha decisión contundente” para retirar a Lei e non “globos sonda” emitidos pola súa conselleira de Mar para intentar desmobilizar a gran manifestación do sector convocada para o sábado.
O responsable socialista advirte que “non nos fiamos do goberno de Feijóo nin de un presidente que ten ofrecido mostras sobradas de que non lle importa a pesca de Galicia, un sector que en 7 anos ten acumulado razóns máis que sobradas para a indignación”.
A Lei de Acuicultura, dixo, non é mais que “o colofón dunha política letal para a pesca galega, que sufriu un descenso brutal dos ingresos e unha nula xestión das competencias propias no marisqueo e a pesca artesanal”, ao tempo que se ten demostrado “incapaz á hora de acadar un reparto das cotas de pesca máis beneficioso para Galicia”.
Reclamoulle á conselleira que “nos aforre tempo a todos e todas e aproveite a súa pretendida retirada da Lei para marchar con ela, a Pesca galega non merece pasar un día mais padecendo a súa nefasta xestión”.