Lugo, 5 de febreiro do 2016.- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres as bases do programa Buxiganga Afeccionado 2016, o Proxecto Teatral Educativo da Área de Cultura da Deputación de Lugo que vai xa pola súa oitava edición.
O Delegado de Cultura, o nacionalista Xosé Ferreiro, destacou que “Buxiganga é xa un programa totalmente consolidado e un referente a nivel galego no fomento e o apoio ao teatro afeccionado, que permite ás compañías de teatro amador lucense actuar por toda a provincia e recibir formación tanto para actores e actrices como para directores/as”.
Ferreiro informou de que as bases non teñen cambios con respecto ás do ano anterior. Así, mantéñense os catro baremos para os cachés dos grupos de teatro, en función do número de actrices e actores que forman parte de cada unha: un caché de 300 euros por función para os grupos de entre 2 e 5 actrices e actores; de 500 euros para as compañías de entre 6 e 8 persoas; de 750 euros para os grupos nos que actúan entre 9 e 12 persoas; e de 850 euros para os colectivos de 13 ou máis membros.
Dese caché, a Deputación subvenciona o 80%, mentres que os concellos ou asociacións que solicitan a función, terán que facerse cargo do 20% restante, para o que poderán cobrar unha entrada simbólica nas funcións que non poderá superar os 3 euros.
Buxiganga medra ano a ano: dos 12 grupos da primeira edición, no 2009, aos 36 grupos da sétima edición, no 2015
Ferreiro destacou que desde os seus inicios, no ano 2009, “Buxiganga só foi en ascenso, pasando dos 12 grupos de teatro que participaron na primeira edición aos 36 grupos que participaron na sétima edición, no ano 2015” dixo. “Aspiramos a que Buxiganga siga a medrar e niso poñeremos todo o noso esforzó”, abondou Ferreiro.
Prazo de 15 días para inscribirse
As bases para esta nova edición de Buxiganga foron aprobadas na mañá deste venres na Xunta de Goberno da Deputación e previsiblemente serán publicadas no BOP a vindeira semana. A partir da súa publicación tanto as compañías amadoras de teatro así como as asociacións e os Concellos que queiran solicitar representacións terán aberto o prazo de inscrición no Buxiganga, tendo un total de 15 días hábiles para formalizar a súa inscrición.
Unha vez inscritos e rematado ese período, abrirase outro prazo no que as asociacións e os Concellos terán que poñerse en contacto cos grupos de teatro para solicitar as súas pezas teatrais e fixar un calendario de actuacións, que posteriormente será aprobado. Establécese un calendario con dúas quendas de actuacións: a primeira, do 15 de abril até o 31 de xullo e a segunda do 1 de setembro até o 18 de novembro.
Ferreiro concluíu convidando “a todos os Concellos e Asociacións a participar no Buxiganga Afeccionado 2016 para contribuír, entre todas e todos, a seguir a levar o teatro a cada recuncho da provincia de Lugo”, dixo.