A Deputación de Lugo aclara varias incongruencias sobre a Operación Pulpo que transcenderon nos últimos días e que directamente afectan ao prestixio da institución provincial e aos seus traballadores.
Estase cuestionando a legalidade das axudas do Fondo Social para traballadores da Deputación de Lugo, que aprobou o Goberno Provincial do Partido Popular en 1990 e 1991. Sobre esta axudas é necesario aclarar:
1.- O anterior Goberno Provincial de PSOE e BNG suprimiu gastos superfluos das axudas do Fondo Social da Deputación de Lugo como as viaxes a funcionarios e fillos de funcionarios. Como se pode comprar na documentación achegada, desde o ano 2006 non se realizaron ningunha viaxe deste tipo. Todas as viaxes que nos últimos días transcenderon (Arxentina, Euro Disney, India ou Cruceiro polo Rhin) foron subvencionados polo Goberno Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo. “Se agora a xustiza dubida da legalidade destas viaxes, non entendemos porque non pregunta ao PP, que foi quen os aprobou e ata gozou. Parécenos unha incongruencia que investigue, precisamente, a quen suprimiu estas viaxes”, destacou o portavoz socialista do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos.
2.- O anterior Goberno Provincial de PSOE e BNG someteu estas axudas a un proceso de racionalización mediante o cal reducíronse estes gastos nun 50%, sen recortar dereitos aos traballadores públicos.
En 2006, co Goberno Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, o gasto do Fondo Social superou o 1,3 millóns de euros. En 2014, último ano completo do anterior Goberno Provincial do PSOE e BNG, foi de 620.000 euros. Explicar que o orzamento de 2015 é superior ao de 2014 porque o Goberno Provincial do PP, presidido por Elena Candia, aprobou incrementar estes gastos. Fíxoo o 18 de setembro de 2015.
“Tamén nos parece incongruente que se investigue a quen recortou nun 50% estes gastos e non a quen os aprobou e incrementou”, sinalou Santos Ramos.
3.- O Fondo Social da Deputación de Lugo conleva axudas dirixidas exclusivamente a persoal desta administración. Non son para representantes políticos. Trátanse de axudas para gastos de gardería, compra da primeira vivenda, bolsas de estudo ou para gastos que non cobre a Seguridade Social.
Santos Ramos contou que “unha funcionaria achegóulleme nos pasados días, con moita pena, para dicirme que a do DIU son eu. Esa muller, de expediente intachable, quería contarme o mal que o estaba pasando polo famoso DIU, que ata algún medio de comunicación chegou a atribuír, na historia máis rocambolesca, ao anterior Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Trátase dunha muller que sufriu un legrado e máis adiante un tumor, polo que precisou dun DIU para regular o seu nivel hormonal, que non lle cubría a Seguridade Social, pero si a partida social da Deputación. Si cóntovos isto é porque teño o permiso da propia afectada para facelo, porque é unha de tantos funcionarios da Deputación fartos das inxustizas que estamos vivindo, e porque exemplifica o nulo rigor co que se está traballando nesta causa”.
4.- As axudas do Fondo Social da Deputación de Lugo son declaradas a Facenda e sométense a todos os controis do Ministerio de Facenda.
5.- Os traballadores públicos de todas as administracións do Estado teñen, do mesmo xeito que os de Deputación de Lugo ou o resto de Deputacións de Galicia, teñen axudas sociais. Por exemplo, téñenas os traballadores que dependen do Ministerio de Xustiza, entre outros moitos.
Á marxe das axudas do Fondos Social, é necesario explicar ademais os seguintes puntos:
1.- Estas dilixencias iniciáronse en 2013 tras unha denuncia por un presunto caso de acoso laboral entre traballadores dun mesmo departamento desta institución. “É dicir, unha denuncia entre compañeiros desta administración deriva nunha operación xudicial na que se investiga ata ao anterior Presidente da Deputación de Lugo por cuestións que nada teñen que ver con este presunto caso de acoso laboral”, apuntou Santos Ramos.
2.- Ponse en dúbida a legalidade do Km0, un programa de *promoción da provincia, que ofrecía 127 rutas guiadas polos 67 Concellos lucenses, no que colaboraban 125 establecementos e entidades de toda a provincia (hostalería, comercio, artesanía, turismo..), e que contribuía ao mantemento de 3.000 postos de traballo directos e indirectos na provincia de Lugo.
3.- Era un programa (KM0) financiado por fondos da Unión Europea, sometido a rigorosos controis, todos eles superados con nota porque a Deputación de Lugo.
– Superáronse, ademais de todos os rigorosos controis dos servizo provinciais da Deputación, todas as auditorías externas e controis que fai o Ministerio de Administracións Públicas sobre a xestión de Fondos Europeos. É máis, a boa xestión destes fondos por parte do anterior Goberno Provincial de PSOE e BNG supuxo que a Unión Europea premiase en reiteradas ocasións á Deputación de Lugo, concedéndolles máis fondos comunitarios, ata superar o 1,5 millóns de euros.
– Tamén se superaron os controis que fai o Tribunal de Contas e o Consello de Contas sobre as contas e os contratos realizados no marco do Km0.
– Ata a Xurisdicción Contencioso Administrativa avala a xestión *contractual realizada polo Goberno Provincial de PSOE e BNG en relación ao Km0. Achégase a sentenza desestimatoria, e á que xa non cabo recurso, do Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 en relación ao contrato de transporte do Km0.
Tras facilitar toda esta documentación oficial, a Deputación de Lugo conclúe remarcando que desde esta institución sempre se actuou conforme á legalidade vixente.