Lugo, 3 de marzo de 2016.- A aspirante á presidencia provincial do Partido Popular de Lugo Elena Candia reivindica que o proxecto que encabeza xunto a Ramón Carballo e a un amplo equipo de persoas máis representa “a candidatura dos militantes”.
Para reforzar este argumento Candia revela que o seu proxecto conta co aval de cinco dos seis concellos lucenses que xuntos supoñen máis da metade dos afiliados do partido que, nesta provincia superan os 12.200 militantes.
Máis en concreto, a ex presidenta da Deputación conta co aval dos compromisarios electos da capital lucense, de Monforte, de O Saviñao e de Viveiro que, unidos a Foz, representan o 50% da militancia da provincia.
A cifra de apoios entre as agrupacións con maior peso por número de militantes é aínda maior se temos en conta que Elena Candia tamén suma o respaldo de compromisarios de Quiroga, Chantada e Vilalba, e con parte dos electos en Cervo, onde empatou en número de votos coa outra aspirante.
A alcaldesa de Mondoñedo comprometeuse a traballar arreo, tal e como demostra nas súas actuais responsabilidades, para ser merecedora desta confianza e insiste en que no seu proxecto caben todos, desde as agrupacións máis numerosas como a da cidade de Lugo á máis pequena como é a de Negueira de Muñiz.