Que a R.A.G. designara o 17 de Maio deste ano, Día das Letras Galegas, para honrar a memoria do poeta Manuel María, finado o 8- 9- 2004, vai facer que ó longo del se celebren numerosos actos na súa lembranza por cidades e pobos de toda Galicia. O considerado o grande poeta galego da segunda metade do s. XX, apaixoado cantor dela que percorreo pobo por pobo, deixando en todos a pegada da súa modestia, da súa sabencia e do encanto persoal e bonomía, sempre disposto a acudir co seu maxisterio a cantos actos relacionados cos valores históricos e culturais era reclamado,fixo que Manuel espertase a admiración e a querencia das xentes mais heteroxéneas, feito que sen dúbida se vai reflectir na asistencia òs actos na súa memoria van ter lugar ó longo do “ano de Manuel María”, que dende o inicio dél se veñen celebrando. É ben sabido que o “poeta da Terra Chá”, non tiña amores co mar, do que decía que aquel era moi grande e él moi pequeniño, aínda que o cantaba e non se sustraía á chamada do fenómeno que éste representa; da súa inmensidade física e social e, polo tanto, humana. Hai, sen embargo, na beiramar un lugar que o poeta amou fondamente: Foz que, dende o ano 1959 que por primeira vez chegou a él na compaña de Saleta para pasar a festa do Carme en fogar amigo,ata o seu pasamento(mais de 50 anos os separan) mantivo con él unha relación moi estreita e a onde viaxou e ó que dedicou mais da súa obra que o fixo ningún outro intelectual, sempre disposto a canta colaboración dende aquí se lle pedía. Así foi como no ano 2001, a petición da Asoc. de Nois “Coto do Faro” escribíu, para ser representada, a lenda local que titulou “Auto de Raboces”, que o vindeiro día 18 escenificará a Pomba do Arco no acto a él dedicado, ao que asistirá Saleta, a súa viuva, e no que intervirán o Xerente da Casa Museo do poeta; Arcadio Mon, de quen temos escrito que “él trouxo a música a Foz”, que creou e musicou poemas propios e do vate, e este cronista.
A evidencia da entrega de MM a Foz fixo que no seu día a Corporación Municipal, de xeito unánime, acordara dar o seu nome á Casa da Cultura á que en tantas ocasións acudíu para ser protagonista ou simple asistente a numerosos actos sociais e culturais. É por todo iso, e moito mais, que estamos seguros que os focegos, de forma solidaria e agradecida, acudirán ó acto na honra do poeta insine que tanto cantou ó noso pobo.
Suso Fernández