A Pomba do Arco organiza o venres 18 de marzo ás 20.30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz un acto de homenaxe e lembranza ao escritor Manuel María, coincidindo co cincuenta aniversario do seu libro “Versos frolecidos en louvanza a Foz” e no mesmo ano en que a “Academia Galega” lle outorga o “Día das Letras Galegas”.
O acto contará coa participación de Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz, Alberte Ansede, xerente da Fundación Manuel María, e Saleta Goi, viúva de Manuel María, que tocaran diversos aspectos da vida e da obra do poeta e de xeito moi particular a súa relación con Foz e coas terras da Mariña.
Asemade o músico Arcadio Mon, que estará acompañado na súa actuación musical por Felipe Sánchez e Pepe Ríos ,presentará diversos temas compostos sobre poemas de Manuel María dedicados a Foz. Na mesma xornada e o Clube de Lectura Infantil “A Pombiña” dramatizará a peza de teatro “O Auto do Raboces”, peza teatral composta por Manuel María a petición da Asociación Coto do Faro e que recrea unha lenda tradicional de Nois e Cangas.
Os organizadores do acto convidan “ao conxunto dos veciños da Mariña, e de xeito moi particular aos do Concello de Foz, a que se sumen a esta xornada cultural arredor da figura de Manuel María, facéndose participes coa súa presenza da homenaxe que o noso pobo lle debe a quen foi o seu cantor, o seu colaborador fiel e o seu amigo”.