Lugo, 1 de abril de 2016. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, achegarase ao CINE – TEATRO do Concello de Ribadeo para impartir o vindeiro sábado 2 de abril en horario de 11.00 a 14.00 horas, un obradoiro de técnica de base, afinacion e repertorio en aberto e pechado da gaita guiado polo músico e mestre da Tradescola Jose Manuel López (Josele). Neste obradoiro @s asistentes traballarán aspectos da técnica básica de gaita, respiración, tempero e afinación, dixitación, ornamentación e repertorio en aberto e pechado.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.