Santiago de Compostela, 7 de abril de 2016.- A Xunta destinará un total de 33 millóns de euros nos anos 2016, 2017 e 2018 (a razón de 10 millóns por exercicio) a financiar os convenios de colaboración coas entidades locais galegas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Estes fondos servirán para reforzar a loita contra os lumes a través dunha serie de actuacións por parte dos concellos, como son a incorporación dun vehículo motobomba ao dispositivo da Xunta, a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado e a intervención de brigadas, que tamén pasarán a formar parte do operativo autonómico realizando actuacións de defensa e extinción, pero ademais a través da prevención mediante rozas de xeito manual.
A diferenza de convocatorias pasadas, nesta ocasión o convenio formalizado terá carácter plurianual, cunha duración de 3 exercicios, o que redundará nunha estabilidade asegurada no servizo que darán as entidades locais. Así, os traballos de prevención poderán realizarse con maior tempo, favorecendo o seu desenvolvemento durante todo o ano. En calquera caso, a xustificación dos gastos imputables ao convenio deberá presentarase anualmente e o pagamento tamén terá natureza anual.
Prevención
A colaboración cos municipios fai especial fincapé nas actuacións preventivas, mediante a xestión da biomasa vexetal coa aplicación de tratamentos silvícolas, para diminuír a carga de combustible no propio monte e en áreas adxacentes. Trátase de crear descontinuidades horizontais e verticais, de xeito que se consigan modelos de combustibles en que o lume, en caso de producirse, avance con máis lentitude, menor intensidade e con chamas de menor lonxitude.
A Consellería do Medio Rural, a través dos seus servizos provinciais, realizará un ofrecemento expreso a todas e cada unha das entidades locais de Galicia para a subscrición deste convenio. Se as solicitudes presentadas superan a contía orzada, aplicaranse os seguintes criterios de prioridade: entidades locais que conteñan parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI); concellos que estean declarados como zonas de alto risco (ZAR) de incendios forestais e mancomunidades de municipios, polo seu labor conxunto e agrupado, favorecendo a coordinación e xerando sinerxías entre varias entidades municipais.